O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do alcalde da Veiga, Juan Anta, visitou esta mañá as casas niño do concello

A Xunta destaca o impacto das casas niño na conciliación das familias do rural

O Goberno galego impulsou desde o ano 2016 a creación dun centenar de centros que ofrecen atención 100% gratuíta en concellos sen escola infantil

A Veiga (Ourense), 12 de xullo de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do alcalde da Veiga, Juan Anta, visitou esta mañá as casas niño do concello ourensán da Veiga onde puxo en valor a importancia destes servizo de conciliación para as familias con nenos de 0 a 3 anos. Neste sentido, puntualizou que as dúas casas niño da Veiga ofrecen atención a dez nenos de xeito totalmente gratuíto para as súas familias.

Jacobo Rey lembrou que estes centros comezaron a funcionar no ano 2016 para dotar de servizos de conciliación aos municipios do rural sen escola infantil. Desde este ano, chegouse ao centenar de centros por toda Galicia que poñen a disposición dos galegos máis de 500 prazas de atención para a primeira infancia.

O director xeral tamén fixo fincapé na aposta do Goberno galego por esta etapa de 0 a 3 anos a través da gratuidade das escolas infantís de Galicia. Máis de 32.000 familias se benefician desta importante medida pioneira a nivel estatal e que permite un aforro de 3.000 euros ao ano por neno. Unha medida á que a Xunta destina 60 millóns de euros cada curso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024