Un total de 102 investigadores predoutorais súmanse ás universidades públicas e outros organismos cun contrato financiado pola Xunta

O Goberno galego inxecta case 12M€ máis neste programa, elevando a 347 os investigadores predoutorais con apoio da Administración autonómica

61 profesionais desenvolverán o seu labor na Universidade de Santiago, 20 na de Vigo, nove na da Coruña e outros 12 incorpóranse a diferentes entidades de investigación 

Cada beneficiario recibe entre 24.000 e 30.000€ anuais durante os catro anos de contrato, ademais de complementos de ata 6.000€ por estadía no estranxeiro

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

Un total de 102 investigadores incorporaranse este mes de xullo ás universidades públicas galegas e outros organismos de investigación na súa etapa predoutoral cun contrato financiado pola Xunta. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destas axudas, por un importe total de máis de 11,7M€. As axudas están cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

No que atinxe aos centros nos que realizarán a súa actividade, 61 incorporaranse á Universidade de Santiago de Compostela, 20 á de Vigo e nove á da Coruña. Ademais, catro desenvolverán o seu labor na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), tres no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), tres no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e dous na Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS).

O obxectivo destas axudas é apoiar a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral) partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador. En total, hai 347 predoutorais realizando os seus traballos de investigación en Galicia grazas a esta liña de apoio da Xunta de Galicia, dos que 245 son de anteriores convocatorias, aos que se suman os 102 novos investigadores financiados a través da de 2024.

Estadías no estranxeiro

Os contratos predoutorais da Xunta teñen catro anos de duración e inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se len ou non a tese antes.

A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Deste xeito, se o científico escolle Portugal ou Andorra recibirá 2.000 euros; se realiza a súa estancia en Europa (salvo os dous países anteriores), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) terá á súa disposición 4.000 euros, e se o destino é Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía, a achega será de 6.000 euros.

Ao igual que na convocatoria do ano pasado, o período do contrato mantense nos catro anos, e dáse a oportunidade de que un investigador predoutoral poida acceder a un contrato posdoutoral nese cuarto ano. Isto é, se o investigador beneficiario dunha destas bolsas le a tese antes do inicio do seu cuarto ano de contrato, a Xunta financiaralle un contrato de capacitación para a etapa posdoutoral durante ese último ano, cunha dotación de 30.000€. En caso de non conseguir ler a tese antes desa data, o investigador beneficiario continuará o seu cuarto ano cun contrato predoutoral polo que recibirá 29.000€.

Esta liña de actuación súmase a outras accións da Xunta de apoio á carreira investigadora, na que se inclúen os contratos posdoutorais e as axudas a grupos de investigación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024