O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste na localidade coruñesa ao Festival Internacional do Mundo Celta enmarcado no ‘CulturON’, o programa estival da Xunta

López Campos destaca en Ortigueira a “diversidade de manifestacións culturais” que ofrece o verán galego

Este certame musical, un dos máis consolidados dos meses de estío en Galicia, é un referente do folk a nivel mundial, atraendo a multitude de público internacional

Ortigueira (A Coruña), 13 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, achegouse hoxe a Ortigueira para gozar dun dos acontecementos “con maior recoñecemento e máis consolidados da programación do verán galego”, segundo destacou durante a súa estancia na localidade coruñesa onde se celebra desde o xoves e ata mañá o Festival Internacional do Mundo Celta.

Neste senso, o titular de Cultura da Xunta, referiuse á “diversidade de manifestacións culturais que atopamos no marco da programación estival do CulturON, que este ano volvemos poñer en marcha con presenza de actividades en máis de 200 concellos”. Así, reiterou que esta cita “que xa vai máis alá da música”, dixo, “representa unha das propostas más arraigadas no noso territorio e recoñecidas fóra del, sendo un referente internacional do folk e un dos certames máis multitudinarios de España”.

Interese Turístico Internacional

O festival conta hoxe en día cos galardóns de Interese Turístico Nacional e Internacional, tras unha historia que comezou en 1978 por iniciativa da Escola de Gaitas de Ortigueira. Alá polo ano 2000 arrancou unha nova evolución ata converterse na referencia que é hoxe, aglutinando cada ano un cartel musical de gran nivel e numerosas actividades paralelas. O certame supón unha celebración da tradición e da innovación musical, cunha programación que abrangue tanto grupos consagrados como novas voces do panorama folk internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2024