Alfonso Villares asiste á presentación dos avances científicos-tecnolóxicos de Anfaco-Cecopesca

A Xunta de Galicia mantén unha colaboración intensa con esta Asociación grazas ao convenio subscrito a comezos de ano para a promoción e mellora da comercialización das conservas do mar, co fin de impulsar a competitividade do sector e favorecer o seu crecemento

Vigo, 11 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este xoves no consello reitor da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos, Anfaco-Cecopesca, que incluíu a presentación dos avances en actividades científico-tecnolóxicas correspondentes ao primeiro semestre de 2024.

O dirixente autonómico apoiou así o labor que vén desenvolvendo esta entidade e coa que a Consellería manteñen unha colaboración anual no eido da promoción e mellora da comercialización das conservas do mar, co fin de impulsar a competitividade do sector e favorecer o seu crecemento. 

Tal é así que, co convenio subscrito a comezos de ano pola Xunta e Anfaco, se están a desenvolver distintas accións de promoción e difusión da calidade dos produtos do mar transformados. O obxectivo é intensificar o coñecemento do conxunto da cidadanía sobre eles e impulsar o desenvolvemento do sector nesa materia.

Neste senso, entre outras actuacións, inclúense diversas iniciativas relacionadas coa sostibilidade, a transformación dixital, a seguridade alimentaria, a mercadotecnia e a I+D+I. Asemade, no eido da promoción internacional, estase a traballar en conxunto coa industria transformadora e conserveira para impulsar a súa presenza nos mercados prioritarios, levando os produtos a feiras de alimentación estratéxicas para o sector.

Outro dos grandes obxectivos do acordo é favorecer o coñecemento do mundo e a historia da conserva coa dixitalización e a mellora do acceso online do patrimonio cultural desta industria alimentaria con vistas tanto á súa conservación a longo prazo como ampliar o seu alcance e relevancia. Por este motivo, a posta en marcha dunha campaña de promoción dixital, trasladando as vantaxes do seu consumo por ser un produto seguro, saudable, nutritivo e versátil, é outro dos eixos de actuación desta colaboración conxunta.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 11/07/2024