O presidente da empresa pública, Javier Domínguez, compareceu a petición propia esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento

Sogama atribúe a revisión do canon para 2024 a decisións estatais unilaterais e salienta que seguirá sendo o máis barato de Galicia

Lamenta que o Goberno central non tivera en conta as particularidades territoriais nin que a taxa de residuos en vertedoiro en Galicia sexa moi inferior á media nacional

Subliña os máis de 100 M€ investidos pola empresa pública nos últimos anos para afianzar a posición da planta galega entre as máis eficientes e modernas de Europa

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) atribuíu hoxe a proposta de actualización do canon correspondente a 2024 que pagan os 295 concellos aos que presta servizo pola xestión dos seus residuos ás recentes decisións adoptadas polo Goberno central no último ano e medio.

Así o explicou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, durante a súa comparecencia a petición propia na Comisión 2ª do Parlamento para falar da situación das contas da empresa pública e da revisión do canon prevista para este ano, salientando que, incluso unha vez aplicada esa revisión, o importe que pagarán as entidades locais en 2024 seguirá sendo o máis barato de Galicia e mesmo do conxunto de España.

O máximo responsable da entidade subliñou que só o novo imposto á vertedura e á incineración se traduciu para a entidade pública empresarial nun desembolso de 9,1 millóns de euros en 2023. De feito, lembrou que Galicia foi unha das comunidades que durante a tramitación da Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular alegou, sen éxito, en contra da creación deste novo gravame.

A esta contía, segundo explicou, houbo que engadir tamén o feito de que en xullo do ano pasado o Goberno central eliminou a retribución que viña percibindo Sogama polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica —unha instalación de última xeración e con tecnoloxía na que prima a eficiencia e a sustentabilidade—, e outras medidas que tiveron un impacto nas contas da empresa —que cifrou en 18 millóns de euros as perdas de 2023— como a recuperación do imposto estatal do valor da enerxía eléctrica ou a diminución da retribución da planta de coxeración de Cerceda.

Neste sentido, Domínguez lamentou que o Executivo central aposte por introducir este tipo de impostos cando hai países, como Suecia, que decidiron eliminar gravames similares por non cumprir os obxectivos para os que estaban deseñados.

Neste sentido, tal e como figuraba nas alegacións presentadas pola Xunta á lei estatal, incidiu en que a penalización a todos os concellos e cidadáns por igual, “non é a vía” para acadar os obxectivos de redución, reutilización e reciclaxe que marca a UE, senón que debe traballarse en medidas en positivo co incentivo de lograr unha maior colaboración e implicación da poboación. 

Así mesmo, Domínguez lamentou tamén que o Estado non tivera en conta as particularidades de cada territorio, xa que, grazas á valorización enerxética, o taxa de vertido en Galicia “é moi inferior á media española”, situada entre o 50% e o 54%.

Por último, o presidente de Sogama defendeu a xestión da empresa pública, que obtivo beneficios ata o ano 2022 que lle permitiron realizar investimentos por un importe de máis de 100 millóns de euros que contribuíron a afianzar a posición da planta galega entre as máis eficientes e modernas de Europa, ou a bonificación aplicada desde 2019 no importe do canon a aqueles concellos que cumprían unha serie de requisitos e que supuxeron un aforro para as entidades municipais e a veciñanza de máis de 20 millóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024