A Xunta ofrece 1.965 prazas nos campamentos da provincia de Pontevedra

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visita o complexo Cemar en Mondariz-Balneario con 60 rapaces por quenda

A campaña ‘O teu mellor verán’ do Goberno galego ofrece 7.611 prazas para a mocidade de entre 9 e 17 anos 

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 11 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia ofrece este verán 1.965 prazas para nenos e nenas de 9 a 17 anos nos campamentos da provincia de Pontevedra. Así o explicou hoxe a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha visita ao complexo Cemar, en Mondariz-Balneario, que conta con 60 rapaces por quenda, no marco da campaña O teu mellor verán  que inclúe un total de 7.611 prazas para mozos entre 9 e 17 anos.

Na visita ao campamento Multiaventura de Mondariz-Balneario, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o compromiso do Goberno galego na promoción de propostas de ocio para os mozos galegos. “A Xunta, dentro da campaña O teu mellor verán, referente xa en todo o Estado, conta cunha ampla variedade de propostas como actividades deportivas, culturais, vencelladas co medio ambiente ou nun entorno natural como é o do río Tea”, destacou.

Neste senso, a rapazada, que abrangue dende os 14 ata os 17 anos, poderá practicar multitude deportes como hípica, rocódromo, tirolesa, cicloturismo, barranquismo, caiac, paintball, waterpolo ou acuagym. “Polo complexo Cemar pasarán un total de 360 cativos en todas as quendas do verán, cifra que se suma á oferta de case 2.000 prazas en toda a provincia”, tal e como salientou Lara Meneses. 

A campaña O teu mellor verán conta con 11.533 prazas en total na programación estival da Xunta, a maior convocatoria da súa historia. A oferta da provincia de Pontevedra que forma parte da iniciativa da dirección xeral de Xuventude, inclúe un total de 7.611 prazas na modalidade de 9 a 17 anos en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024