O presidente da Xunta clausurou o ‘Foro de desafíos e oportunidades no rural’ organizado pola Fundación Mapfre

Rueda aposta por deseñar medidas específicas para o rural en materia de emprego e servizos sociais para garantir a igualdade de oportunidades

Pon en valor iniciativas como as casas niño ou as casas do maior, que permiten ofrecer estes servizos onde non funcionan os modelos tradicionais

Destaca a Rede de polos de emprendemento, que se espalla por todo territorio e que xa leva asesorado máis de 2.100 iniciativas

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por deseñar medidas específicas para o rural en materia de emprego e servizos sociais porque considerou que a única posibilidade de fixar e atraer poboación pasa por ofrecer as mesmas oportunidades que no resto do territorio.

Así o sinalou durante a clausura do Foro de desafíos e oportunidades no rural, onde fixo fincapé no obxectivo de “que o noso rural, que é unha parte moi importante da nosa identidade, sexa un espazo coas mesmas oportunidades, cos mesmos dereitos e coas mesmas vantaxes e posibilidades que zonas máis urbanas”.

No encontro, organizado pola Fundación Mapfre e no que tamén participou a S.A.R a infanta Dona Elena, Rueda recordou que Galicia non só é unha terra rural senón que ten unha elevada dispersión poboacional, e lembrou que isto xera un sobrecusto na prestación de servizos que se achega aos 500 millóns de euros só pola dispersión, sen computar o envellecemento.

Así a todo, considerou este investimento necesario para garantir o equilibrio territorial e puxo en valor non só o esforzo orzamentario, senón tamén a necesidade de impulsar ideas innovadoras para levar recursos de forma eficiente ao rural.

Entre outras iniciativas que ten posto en marcha a Xunta nesta materia, citou as casas niño  e as casas do maior, que realizan un labor similar ao das escolas infantís e centros de día de maiores alí onde os modelos tradicionais non son viables. Actualmente, hai en marcha xa máis de 100 casas niño e máis de 120 casas do maior, ofrecendo todas elas atención gratuíta. Tamén fixo fincapé noutras medidas, como o Bono coidado no fogar, ou o programa Xantar na Casa.

Con todo, valorou que para revitalizar o rural son imprescindibles tamén políticas que xeren riqueza e oportunidades. Para facelo, a Xunta puxo en marcha iniciativas como a Rede de polos de emprendemento que, espallada por todo o territorio, xa leva asesorado máis de 2.100 iniciativas. Tamén citou outra medidas como o programa de atracción de nómades dixitais; axudas para incorporar mozos ao agro; ou rebaixas fiscais específicas para o rural.

De feito, grazas a todo este esforzo, tal e como lebrou Rueda, Galicia recibiu recentemente o Premio á rexión emprendedora europea 2025, no que se valorou especialmente a aposta autonómica polo rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024