A Xunta convoca para o próximo 23 de xullo a Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes

O organismo analizará a petición do Concello de Santiago de Compostela de ampliar as licenzas de taxi na cidade compostelá

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

A Xunta vén de convocar a Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo (CEVT) do Consello Galego de Transportes para o vindeiro 23 de xullo. Entre os asuntos previstos na orde do día da reunión inclúese a análise da solicitude de ampliación de licenzas de taxi no concello de Santiago de Compostela.

Cómpre aclarar que a solicitude e informe do concello da capital compostelá contempla o incremento en 29 novas licenzas de taxi na cidade, para pasar das 147 existentes a 176. Nesta liña, o Goberno galego lembra que a petición ten que obter o informe do Consello Galego de Transportes, organismo que depende da Xunta, e que vén de convocar a comisión especial para abordar este asunto.

A Xunta tamén aclara que o plan ou estudo de mobilidade presentado polo Concello debe ter pasado un proceso de audiencia coas asociacións máis representativas do sector, sindicatos e asociacións de consumidores e usuarios. Unha vez emitido o ditame do Consello Galego de Transportes, a Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, encargaríase da avaliación da proposta e emitiría un informe preceptivo e vinculante.

Data de actualización: 11/07/2024