O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá a sede da Asociación Sarela

Gómez Caamaño salienta o labor da asociación Sarela e subliña o apoio ao tecido asociativo con 1,2 M€ para programas de carácter sociosanitario

O titular de Sanidade salienta a importancia de que Galicia conte cun Proceso Asistencial Integrado (PAI) para o dano cerebral adquirido, co obxectivo de atender do mellor xeito posible as necesidades e os coidados que precisan os pacientes

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá a sede Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela nun acto no que destacou o importante labor que desempeña o tecido asociativo no coidado e mellora da calidade de vida dos pacientes con dano cerebral adquirido.

Xunto co xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio; do presidente da Asociación Sarela, José Balboa; do presidente da Federación de Dano Cerebral de Galicia, Luciano Fernández; e da directora de Sarela, Rocío García, Gómez  Caamaño destacou a importancia de que Galicia conte cun Proceso Asistencial Integrado (PAI), destinado de xeito especifico ás necesidades e coidados dos pacientes con dano cerebral. A este respecto, subliñou a implicación de Rocío García durante o seu proceso de elaboración e deseño.

O titular de Sanidade remarcou o labor que desenvolve o conxunto do tecido asociativo no eido da saúde. Así, e para contribuír ao desempeño das súas funcións, este ano 2024 a Xunta destinará máis de 1,2 millóns de euros aos programas de carácter sociosanitario.

A Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela foi creada no ano 2000 para prestar axuda ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias no ámbito da área sanitaria de Santiago e Barbanza. Actualmente está conformada por máis de 800 persoas socias, colaboradoras, voluntarias e profesionais, sendo un referente a nivel autonómico.

Desde fai anos, o Servizo Galego de Saúde colabora con Sarela levando a cabo programas de atención fisioterapéutica para fomentar a autonomía das persoas afectadas polo dano cerebral adquirido, previr o deterioro das súas capacidades físicas e apoiar ás familias e persoas coidadoras.

Entre os obxectivos da asociación están promover a defensa dos dereitos das persoas con dano cerebral adquirido, a súa integración e normalización social e o seu coidado, asistencia e protección. Ademais, exerce un papel divulgador e orientativo para a prevención do dano cerebral adquirido e os seus efectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024