A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu o pleno da comisión interdepartamental para o impulso e coordinación da EGCCE 2050

A Xunta crea un grupo de traballo técnico para actualizar a Estratexia galega de cambio climático e avanzar cara a unha comunidade neutra en emisións

Ángeles Vázquez explica que este grupo de profesionais dará inicio aos traballos para a elaboración do novo Plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030

As prioridades serán afondar na mitigación das emisións, apostar pola protección da biodiversidade e do patrimonio natural, e dar un pulo ás medidas orientadas a reducir o impacto do cambio climático na saúde

Este segundo plan rexional integrado dá continuidade ao desenvolvido entre os anos 2019 e 2023, ao abeiro do que se executaron un total de 139 a través dun investimento de 1.139 millóns de euros

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

A Xunta aprobou a creación dun grupo de traballo técnico para actualizar a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 (EGCCE 2050) co obxectivo de seguir avanzando cara a unha Comunidade neutra en emisións.

Durante a súa participación na reunión do pleno da comisión interdepartamental para o impulso e coordinación da EGCCE 2050, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que este grupo de profesionais dará inicio aos traballos para a elaboración do novo Plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030, que permitirá revisar e actualizar as liñas e medidas da folla de ruta da Comunidade para acadar a neutralidade climática.

Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez subliñou que este grupo de traballo estará integrado por persoas de perfil técnico e terán a función de colaborar na definición, revisión e contraste previo das propostas técnicas que se trasladarán con posterioridade á comisión interdepartamental para realizar as reunións temáticas en función dos obxectivos do plan rexional integrado.

Nesa liña, a conselleira incidiu en que as prioridades deste plan serán afondar na mitigación das emisións para avanzar na neutralidade climática; apostar pola protección da biodiversidade e do patrimonio natural, e dar un pulo ás medidas orientadas a reducir o impacto do cambio climático na saúde.

A maiores, Ángeles Vázquez avanzou que neste período se reforzará o papel da comisión interdepartamental para o impulso e coordinación da EGCCE 2050 afianzando o seu carácter transversal e fomentando a cooperación entre todos os axentes e departamentos da Xunta implicados nesta materia.

Nese senso, a representante autonómica incidiu en que a loita contra o cambio climático é unha cuestión que compete a toda a sociedade polo que avogou por reforzar a coordinación coas administracións locais, a través da Rede local polo clima, e co tecido económico e social, mediante a Alianza galega polo clima.

Cómpre lembrar que este segundo plan rexional integrado dá continuidade ao desenvolvido entre os anos 2019 e 2023, ao abeiro do que se executaron un total de 139 medidas -máis do 80 % das propostas- a través dun investimento de 1.139 millóns de euros -máis do 90 % do total orzamentado-. Así, segundo aseverou a conselleira, “pódese dar por executado máis do 90 % da planificación inicialmente prevista”.

Para concluír, Ángeles Vázquez insistiu en que o Goberno galego seguirá traballando na mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro; na adaptación aos seus impactos; na investigación das súas causas, evidencias e efectos, e na concienciación social para acadar unha cidadanía formada, sensibilizada e resiliente a este fenómeno.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024