As axudas da Xunta para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías suman 70 beneficiarios no segundo trimestre deste ano

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación das concesións, que representan un importe superior a 1,6 millóns de euros

A meirande parte das subvencións destináronse a achatarremento, con 64 concedidas, e as seis restantes á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de axudas concedidas pola Xunta para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada no segundo trimestre de 2024, que suman 70 subvencións por un importe global superior aos 1,6 millóns de euros.

Do total das axudas, 64 destináronse a achatarramento e as seis restantes foron para a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono

Trátase da sétima relación dos expedientes concedidos no marco da orde do 30 de marzo de 2022, reguladora destas axudas dirixidas a empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada ou empresas que realicen transporte privado complementario, co obxecto de transformar as súas frotas favorecendo a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes.

A medida contou cun crédito inicial de 12,8 millóns de euros, que, ante a boa acollida da iniciativa, foi incrementado en diferentes ocasións ata sumar preto de 29,5 millóns de euros. Prevese ademais unha nova ampliación do orzamento ata os 30,8 millóns de euros.

Estas axudas encádranse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU, son xestionadas polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e abranguen catro liñas de actuación diferentes: o achatarramento de vehículos; a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono; a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos; o retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

Data de actualización: 11/07/2024