A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou na Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia na que se abordou este asunto

Galicia demostra a súa solidariedade fronte a deixadez de funcións do Goberno central e acollerá outros 26 menores migrantes non acompañados

"Fronte a inacción, a improvisación e as imposicións do Goberno central, a nosa comunidade seguirá recibindo os menores non acompañados que lle corresponden segundo o reparto", asegurou a conselleira

Ao mesmo tempo, a Xunta seguirá reclamando ao Executivo de Sánchez os medios e os recursos necesarios para darlles a atención que precisan

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou no Pleno da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia celebrado esta tarde. Na reunión, confirmou que Galicia acollerá outros 26 nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados (NNAMNA) chegados a Canarias e Ceuta, ante a saturación dos recursos destes territorios.

A conselleira defendeu que acoller aos menores non acompañados "é unha cuestión de humanidade" e que "Galicia sempre demostrou e demostrará que é unha comunidade responsable, á altura das circunstancias e, sobre todo, solidaria". Ao mesmo tempo, apuntou, "seguiremos reclamando ao Goberno central os medios e os recursos necesarios para atendelos durante todos os anos que formarán parte do sistema galego de protección".

Fabiola García lamentou que, "fronte o sentidiño de Galicia e o planteamento razoable da maioría das comunidades, o Executivo de Pedro Sánchez volve facer gala da deslealdade". Tamén criticou a ausencia de política migratoria, unha competencia do Goberno central que "intenta descargar toda responsabilidade nas comunidades autónomas ao intentar impoñer de forma unilateral un reparto non negociado con elas".

Condicións e financiamento

A conselleira explicou que acoller un rapaz non é só ofrecerlle aloxamento e cubrir as súas necesidades básicas, xunto á educación e a asistencia sanitaria. Implica, ademais, asumir o compromiso de acompañalo ao longo de toda a súa infancia e adolescencia e axudalo a construír un proxecto vital. "É, polo tanto, algo que hai que tomar moi en serio", salientou.

Nese sentido, Fabiola García reiterou que, para poder facelo en condicións, é necesario "traballar con previsión, planificación e coordinación, contar cunhas regras de xogo claras e equitativas, iguais para todas as comunidades, e dispoñer dos recursos que garantan unha atención axeitada aos menores mentres formen parte do sistema galego de protección, que é o máis importante". Pero o Goberno, concluíu, "limítase á inacción, á improvisación, e ás imposicións".

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024