A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, respondeu hoxe unha pregunta oral no Pleno do Parlamento

A Xunta defende un desenvolvemento do sector mineiro garantista, sustentable e respectuoso coa contorna

Pon en valor a declaración como proxecto industrial estratéxico da iniciativa de Cobre San Rafael nos concellos de Touro e O Pino

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe no Pleno da Cámara galega un desenvolvemento do sector mineiro garantista, sustentable e respectuoso coa contorna natural. Fíxoo en resposta a unha pregunta oral sobre a declaración como proxecto industrial estratéxico da iniciativa de Cobre San Rafael nos concellos de Touro e O Pino.

Lorenzana subliñou que este proxecto, que vai supoñer a creación de case 400 postos de traballo directos e propiciará a atracción de preto de 200M€, foi sometido aos informes do Consello Galego de Cámaras, dos concellos de Touro e do Pino, (da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade), da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, da Dirección Xeral de Urbanismo e do Igape. 

O cobre foi catalogado pola Unión Europea no ano 2023 como materia prima crítica polo incremento da demanda e as dificultades para aumentar a produción, tendo en conta que o 82% co que se traballa en Europa procede doutros países. A redución das importacións de cobre e o fomento do autoconsumo responsable é, polo tanto, outro dos beneficios que incorpora o proxecto, atendendo as directrices europeas e á Axenda de impulso da minería sostible 2030.

A conselleira asegurou que a previsión é que o desenvolvemento deste proxecto mineiro exerza de elemento de ancoraxe da cadea de valor da industria, tendo en conta que o cobre é unha materia prima esencial para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos, como as enerxías renovables, o transporte, a construción, etc. Ademais, agárdase que sirva para asentar traballo e poboación no rural, para reter e atraer talento, e para crear oportunidades de futuro para a mocidade da comarca. 

En total, xa son oito os proxectos industriais declarados como estratéxicos, que implican máis de 2.000M€ en investimentos e máis de 4.000 empregos en Galicia. Uns proxectos que se incorporan no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, dentro da nova política industrial galega, dirixida a impulsar e facilitar a implantación e ampliación de investimentos industriais en Galicia e reducir os seus prazos, tendo en conta a súa relevancia e o seu interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024