A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co rexedor da localidade

Ángeles Vázquez e o alcalde de Coristanco avalían posibles actuacións en materia de augas no concello

O Goberno local traballa nos proxectos para ampliar a captación de auga, a ampliación do depósito municipal e a construción dunha nova estación depuradora, iniciativas das que presentará a documentación a Augas de Galicia para o seu estudo en profundidade

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia e o Concello de Coristanco avalían posibles actuacións a desenvolver no concello en materia de augas co obxectivo de mellorar o servizo ao conxunto da veciñanza. 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Juan Carlos García, mantiveron hoxe un encontro no que analizaron distintas iniciativas municipais que teñen como finalidade optimizar as prestacións das redes de saneamento e abastecemento.

Entre elas atópase o proxecto para ampliar o caudal de captación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) do concello, que xa está redactado e no que se prevé un investimento de preto de 500.000 euros. Nestes momentos Augas de Galicia e o Goberno local están a tramitar esa ampliación do caudal e, en paralelo, o Executivo galego está a asesorar ao municipio para avanzar no resto de cuestións exixidas para executar esta actuación. 

Outra das actuacións que pretende executar o concello é a ampliación do depósito municipal de augas co obxectivo de garantir a subministración de auga as 24 horas en caso dalgún tipo de incidencia. Neste sentido, tanto a conselleira como o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, trasladáronlle ao rexedor a necesidade de que presente a correspondente solicitude e a documentación para tramitar o expediente.

O alcalde tamén trasladou o interese do Goberno local en construír unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no lugar de Montecelo, da que se comprometeu a presentar un proxecto e a correspondente documentación coa finalidade de que a Xunta poida avalialo convenientemente. 

Ángeles Vázquez e Juan Carlos García comprometéronse a que Augas de Galicia e o concello avalíen estas cuestión máis en profundidade nos vindeiros meses co obxectivo de axilizar ao máximo as xestións e impulsar aquelas melloras que sexa posible desenvolver para mellorar os servizos prestados á veciñanza de Coristanco. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024