Román Rodríguez celebra a ABAU común como un éxito de Galicia logo de seis anos de reivindicacións

 O conselleiro de Universidades defende realizar esta proba seguindo uns mesmos criterios para “garantir a igualdade de oportunidades de todo o alumnado”

 Galicia manterá a súa autonomía e competencias, “pero cunha mellor coordinación, quedando blindadas as súas singularidades e respectando a normativa”

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a importancia dunha ABAU común para todo o territorio español co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades entre todos os mozos e mozas. A medida porase en marcha a partir do vindeiro curso grazas ao traballo iniciado hai anos polo Goberno galego. Como lembrou, o acordo acadado agora entre 12 comunidades autónomas comezou en Galicia en 2018, “con moito traballo e numerosas iniciativas desde entón”. 

O titular de Universidades da Xunta lembrou que é unha cuestión de “coherencia e responsabilidade, ao funcionar España como distrito universitario único”. “A nosa Comunidade foi unha das grandes promotoras deste acordo que levamos anos reclamando ao Goberno central”, engadiu Román Rodríguez, quen criticou a “absoluta parálise do Estado” e a súa “aposta por un modelo que só afonda nas desigualdades”.

Grazas a esta iniciativa, o 70% do alumnado español poderá realizar a ABAU a partir do vindeiro curso cuns criterios comúns. Galicia liderou o “debate a nivel nacional e logrou sacar adiante dita iniciativa”, remarcou o representante da Xunta.

Principais necesidades desta iniciativa

No que respecta á forma, as persoas que se vaian a examinar terán o mesmo calendario, criterios de corrección e de puntuación, así como o mesmo número de opcións para escoller e número de preguntas nas materias comúns. No que ten que ver co contido das probas, desenvolveranse matrices de especificacións, é dicir, vincularanse os currículos e as competencias específicas cos criterios de avaliación e os saberes básicos. 

Neste contexto, Román Rodríguez lembrou que Galicia manterá a súa autonomía e competencias, “pero cunha mellor coordinación, quedando blindadas as singularidades de Galicia e respectando a normativa vixente”, concluíu o conselleiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024