A Xunta da a coñecer o ‘Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte’ nunha xornada formativa en Ferrol

A delegada territorial, Martina Aneiros, manifestou o seu rexeitamento a calquera tipo de violencia e incidiu na necesidade de garantir a seguridade e benestar dos menores neste ámbito 

Algo máis dunha trintena de persoas de clubs, federacións e agrupacións deportivas escolares da zona participaron na xornada que tivo lugar na Delegación Territorial de Ferrol

Ferrol, 10 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, abriu esta tarde a última das xornadas formativas sobre a aplicación do Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte nas entidades deportivas organizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Durante a sesión, que tivo lugar no salón de actos da Delegación e na que tomaron parte algo máis dunha trintena de persoas de clubs, federacións e agrupacións deportivas escolares da zona, a delegada territorial lembrou que o deporte é máis cunha actividade física “é un espazo onde se forxan valores como a disciplina, o respecto, a cooperación e a superación persoal”. 

Aneiros incidiu na necesidade de garantir a seguridade e benestar dos menores neste ámbito e manifestou o seu rexeitamento a calquera tipo de violencia, toda vez que “non só afecta á integridade física e emocional de quen a sofre, senón que tamén distorsiona os valores fundamentais que o deporte debe promover”, dixo.

Aneiros deu conta dos 150 casos de violencia no deporte rexistrados no 2022 e puxo en valor neste contexto o Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte, un documento aprobado pola Xunta a través do Observatorio Galego de Familia e Infancia o pasado mes de xuño e que se enmarca na Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

“Trátase dunha guía de actuación que nos permite crear contornas seguras e saudables para os nosos nenos, nenas e adolescentes, abordando as estratexias de prevención, os mecanismos de denuncia e resposta, así como as medidas de apoio ás vítimas”, destacou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024