A conselleira de Medio Rural e a Federación Nacional de Industrias Lácteas aúnan esforzos para garantir a estabilidade do sector

 María José Gómez reuniuse hoxe coa Fenil para abordar a situación dos prezos do lácteo e lograr a rendibilidade para toda a súa cadea de valor

Ademais, reiterouse a petición de que se reduza o diferencial do leite galego con respecto ao doutras comunidades autónomas

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) para abordar vías de colaboración a prol da estabilidade do sector lácteo galego e analizar as dificultades do mesmo, buscando solucións que favorezan a rendibilidade de toda a cadea de valor.

A conselleira trasladou de novo a súa petición para acadar un compromiso da Fenil para manter os prezos do leite que perciben os produtores en valores estables. Ademais, tamén reiterou a importancia de que se reduza o diferencial do prezo do leite galego con respecto ao doutras comunidades autónomas. Os gandeiros galegos, insistiu a titular do Medio Rural, non poden seguir na situación actual cun valor máis baixo do seus produtos, pese á súa excelente calidade e as súas condicións hixiénico-sanitarias.

Esta reunión, despois da mantida onte mesmo con representantes das principais cadeas de distribución que operan en Galicia, busca avanzar na consecución dun obxectivo, o de conseguir un sector lácteo galego forte e á vangarda. Galicia produce actualmente o 42% do leite de vaca en España, cunha produción que segue a medrar nos últimos anos, concretamente preto dun 5% no 2023 e case un 13% desde o 2018, polo que é importante seguir traballando a prol deste eido produtivo.

Ademais, ao Ministerio de Agricultura trasladóuselle a esixencia para que se respecte e se cumpra a Lei da cadea alimentaria para garantir o equilibrio na cadea de valor, como se vén pedindo desde Galicia desde fai tempo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024