A Xunta financia a renovación das instalacións dos mariscadores de Baldaio co fin de mellorar a produtividade do sector

Alfonso Villares destaca o marisqueo como unha das actividades fundamentais para xerar emprego e riqueza en Galicia

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

A Consellería do Mar e a Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena de Baldaio asinaron un convenio co fin de financiar as actuacións dirixidas ao acondicionamento e mellora da caseta dos mariscadores de Baldaio, consistentes na actuación do tellado e a instalación de placas fotovoltaicas e acumuladores. O documento asinado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o representante da Asociación, Alberto Sánchez, recolle unha aportación por parte da administración autonómica de 35.500 euros para executar as accións previstas, entre as que están a ubicación de 12 novos paneis solares, a colocación dun panel sándwich no antigo tellado e a instalación de novas estruturas fotovoltaicas. 

Alfonso Villares incidiu en que a mellora deste espazo singular e a aposta polo marisqueo contribúen a crear emprego, xerar riqueza, dinamizar as vilas mariñeiras e fixar poboación na contorna. Nesta liña, tamén fixo un recoñecemento aos mariscadores que, co paso do tempo e con moito traballo, foron adquirindo unha importancia socioeconómica decisiva no complexo mar-industria e que seguen mantendo viva unha profesión que realiza unha inconmensurable aportación ao noso patrimonio cultural e mariñeiro. Ademais, Villares recalcou que desde o Goberno galego  se seguirá apostando por este tipo de iniciativas que axudan a mellorar a produtividade e que sitúan aos produtos pesqueiros nunha posición única nos mercados internacionais. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/07/2024