O presidente participou na clausura da asemblea xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega)

Rueda destaca a relevancia do sector téxtil no tecido produtivo galego e compromete o apoio da Xunta para seguir impulsándoo

Asegura que se trata dunha industria “fundamental” que fai “marca país” e que permite levar o nome de Galicia por todo o mundo

O Goberno galego está poñendo en marcha programas específicos para axudar ás empresas a afrontar novos retos como a dixitalización, innovación ou internacionalización

O téxtil lidera as exportacións na comunidade galega e representa o 37% do total do sector en toda España

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o peso do sector téxtil no tecido económico e produtivo galego e comprometeu o apoio da Administración autonómica para seguir impulsándoo e consolidando o seu liderado. “É un sector fundamental que fai marca país”, indicou para asegurar que hai tempo que “a moda galega” serviu para poñer á comunidade “no mapa”. 

Así o sinalou hoxe durante a clausura da asemblea xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), na que resultou elixida a súa nova xunta directiva.

O titular do Executivo galego destacou que a moda é un elemento que “sempre vai estar presente” na vida dos cidadáns e resaltou o compromiso da Xunta en apoiar a toda a cadea de valor do téxtil galego nos retos que ten por diante. Nesta liña, falou de “formación, contar con profesionais cualificados, a internacionalización” ou adaptar as estruturas de distribución as necesidades “tanto das grandes cadeas coma do pequeno comercio”.

Para apoiar ás empresas do sector, e a todo o tecido produtivo galego, o Goberno autonómico está poñendo en marcha un amplo abano de medidas para facilitar o investimento, como a redución da burocracia, os plans de aceleración ou a Oficina Económica de Galicia; ademais de programas específicos para axudalas a afrontar novos retos como a dixitalización, a innovación, a internacionalización e a sustentabilidade.

Peso do sector téxtil

Este eido, segundo os datos de 2023, foi o principal sector exportador en Galicia, por diante de automoción e alimentación; e representou o 37% das exportacións téxtiles de todo o país.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024