A conselleira do Medio Rural pide o compromiso das cadeas de distribución co prezo do leite e coa promoción dos produtos agroalimentarios galegos

María José Gómez mantivo hoxe un encontro con representantes das principais empresas de distribución que operan en Galicia para continuar colaborando en favor do sector primario

Na xuntanza trasladouse a petición de que non se empregue o leite como produto reclamo, e contribuír, entre todos, á viabilidade das explotacións e deste eido produtivo

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; reuniuse hoxe con representantes das principais cadeas de distribución que operan en Galicia para continuar colaborando na valorización e promoción dos excelentes produtos agroalimentarios galegos.

A conselleira destacou que son “un dos grandes escaparates” para esas producións, xa que achegan a súa calidade dun xeito directo aos consumidores. E, por iso, traballarase conxuntamente para poñer en valor non só os produtos galegos con selos de calidade diferenciada, senón tamén con aqueles de proximidade ou de quilómetro cero, igualmente importantes dentro do sector agroalimentario.

Ademais, María José Gómez sinalou que esta reunión serviu para tratar un tema de importancia para o sector primario en concreto, e para a economía galega en xeral, como é o prezo do leite. Neste senso, explicou, pediuse a colaboración das cadeas de distribución para que non se baixe o prezo do leite galego nos lineais.

Sobre esta cuestión, resaltou que os gandeiros galegos producen un leite de “excelente calidade”, polo que ten que ter un prezo final de venda que asegure a viabilidade das súas explotacións e, en definitiva, do sector, cuns beneficios que lle permitan cubrir os seus custos. “É importante que o leite non sexa un produto reclamo nos lineais, algo que vén pedindo o sector gandeiro desde sempre, porque non se poden poñer ofertas cun alimento de primeira necesidade e de excelente calidade como é o leite”, destacou.

Sector forte e á vangarda

Esta reunión serve para avanzar na consecución dun obxectivo, o de conseguir un sector lácteo galego forte e á vangarda. Para logralo, indicou a conselleira, é precisa a colaboración de produtores, industria, distribución, administración e consumidores. Galicia produce actualmente o 42% do leite de vaca en España, cunha produción que segue a medrar nos últimos anos, concretamente preto dun 5% no 2023 e case un 13% desde o 2018.

Desde a Consellería do Medio Rural xa se lle pediu á Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) que mantivese o leite nos valores actuais e que se reduza o diferencial con respecto a outras comunidades. Así mesmo, tamén se trasladou a esixencia ao Ministerio de Agricultura para que se respecte e se cumpra a Lei da cadea alimentaria para garantir o equilibrio na cadea de valor, como se vén pedindo desde Galicia desde fai tempo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024