Lete Lasa sinala que o Mundial Júnior de Vilagarcía reforzará a Galicia como referente internacional da vela tal e como fixo o Europeo de 2019

Jacobo García, Jaime Wizner, Pablo Llorens, Estela Enríquez ou Claudia Sobral son “o presente e o futuro da nosa vela, que se miran no espello de grandes referentes como Támara Echegoyen que, en París, disputará como abandeirada os seus cuartos Xogos”

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 9 de xullo de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación do Campionato do Mundo Júnior de vela das clases 49er, 49er FX e Nacra 17 que terá lugar do 14 ao 21 de xullo na Ría de Arousa. Alí, Lete Lasa lembrou o éxito do Europeo Júnior de 420 e 470 disputado en 2019 tamén en Vilagarcía e que rematou coa medalla de prata para Jacobo García e Toni Ripoll e a de bronce para Martín Wizner e Pedro Ameneiro. Nesta ocasión, o mandatario galego asegurou que o mundial “ratificará a Galicia como referente internacional da vela e ademais, como unha potencia no deporte de base”.

O secretario xeral destacou asemade a importancia de que as tres clases que compoñen este mundial sexan olímpicas, polo que os participantes na competición están chamados a ser os que loiten por participar nos Xogos Olímpicos de 2028. Neste sentido animou aos galegos e galegas que participarán neste mundial como son o propio Jacobo García que acompañará ao irmán de Martín Wizner, Jaime Wizner, así como Pablo Llorens, Estela Enríquez ou Claudia Sobral, que depende da recuperación dunha lesión. Todos eles, dixo, son “o presente e o futuro da nosa vela, que se miran no espello de grandes referentes como Támara Echegoyen que, en París, disputará os seus cuartos Xogos portando a bandeira de España na cerimonia de apertura”.

O Mundial Júnior contará con máis dun centenar de barcos e uns 300 deportistas de 25 países diferentes de todo o mundo como Australia, Nova Zelandia, Xapón, Hong Kong, Arxentina, Estados Unidos e gran parte de Europa. Lete Lasa destacou a importancia de que Vilagarcía e o Centro Galego de Vela, que conta con 75 regatistas galegos que adestran cada día no seu programa de tecnificación, sexan o “epicentro da vela mundial xa que é un gran recoñecemento a todo o traballo que se fai dende Galicia pola vela e serve aos nosos rapaces e rapazas para gañar unha gran experiencia de cara ao seu futuro”. 

Data de actualización: 09/07/2024