A Xunta impulsa a internacionalización do modelo da FP galega, un referente en toda España

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa na inauguración de ‘Erasmus+. O camiño da FP cara unha Europa máis sostible’ organizada por SEPIE 

Esta cita, que se prolongará ata o 11 de xullo, busca que cada centro teña as ferramentas necesarias para desenvolver metodoloxías sobre sustentabilidade

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez participou hoxe na inauguración da xornada Erasmus+. O camiño da FP cara unha Europa máis sostible organizada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) en colaboración coa Xunta de Galicia. Unha cita que se realiza a través do equipo National VET Team España, integrado por cerca de 30 profesionais da materia, e na que se explora como os proxectos Erasmus+ ofrecen oportunidades únicas para potenciar a mobilidade e a cooperación internacional no sector da Formación Profesional.

“Estamos nun momento no que os proxectos deste tipo deben abordar o medio ambiente e a loita contra o cambio climático como valores centrais”, salientou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, considerando fundamental enriquecer “os perfís profesionais dos estudantes e fortalecer os lazos entre institucións educativas europeas”. Eugenia Pérez tamén aproveitou a súa intervención para enxalzar a FP galega, un “modelo de referencia en toda España, que busca estar actualizado segundo as demandas e necesidades da sociedade, e impulsar a internacionalización ”.

Nesta xornada, pensada para as redes e organizacións dedicadas á Formación Profesional e ao aprendizaxe de adultos, búscase conformar unha FP máis sostible, onde cada centro teña a oportunidade de cambiar mentalidades. O obxectivo principal é dotar aos centros das ferramentas necesarias para desenvolver estratexias e metodoloxías nesta materia, plans de estudo orientados ao futuro e iniciativas que apoien os enfoques previstos das organizacións expertas en sustentabilidade medioambiental.

Tres días de aprendizaxe

A xornada prolongarase ata o 11 de xullo contando con mesas redondas, conferencias e visitas a centros de Formación Profesional. Tras a inauguración, profesionais do sector e expertos internacionais porán o foco na internacionalización, na sustentabilidade medioambiental e na Formación Profesional, así como na presentación de accións sostibles Erasmus+, como os espazos verdes galegos e as sendas de Santiago de Compostela.

Xa o mércores, os asistentes a estas xornadas anuais de difusión do National VET Team España poderán profundizar nos retos do futuro e na combinación da formación, o Pacto Europeo polo Clima e as mobilidades. Finalmente, o xoves realizaranse visitas aos centros integrados de FP CIFP Someso da Coruña, CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e CIFP Politécnico de Santiago, para conformar unhas conclusións sobre a importancia da oferta formativa de cara á internacionalización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024