O presidente visitou as obras dos inmobles de promoción pública que se acaban de iniciar no polígono pontevedrés

Rueda destaca as 74 vivendas protexidas que se están a construír en Valdecorvos dentro do compromiso da Xunta por aumentar o parque residencial público

Salientou que estes novos inmobles enmárcanse dentro do plan para a construción de” 375 inmobles protexidos nos primeiros 100 días de Goberno”

A Xunta xa ten licitado o contrato para edificar noutras dúas parcelas no mesmo polígono, o que permitirá levantar 104 vivendas máis de promoción pública

Unha vez finalizados todos estes proxectos, “Valdecorvos contará con máis de 500 vivendas protexidas, 358 de promoción pública e 157 de protección autonómica promovidas pola iniciativa privada”, explicou

Pontevedra, 9 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizou hoxe unha visita ás obras de construción de 74 vivendas de promoción pública no barrio pontevedrés de Valdecorvos, as cales puxo como exemplo do compromiso da Xunta por aumentar o parque residencial protexido na comunidade e “atender o que é un problema fundamental a día de hoxe para facer unha nova vida, para emanciparse e para dignificar a vida de moitas persoas”.

Así, acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o titular do Goberno galego indicou que este proxecto, adxudicado por máis de 14 millóns de euros, representa un paso importante no compromiso da Xunta coa mellora do acceso á vivenda na comunidade.

A este respecto, o presidente salientou que estes novos inmobles que están en marcha enmárcanse dentro do plan da Xunta para a construción de “375 inmobles protexidos nos primeiros 100 días de Goberno”, un feito que contribuirá tamén a aumentar o parque residencial de vivenda pública nesta lexislatura, pasando das 4.000 vivendas actuais a 8.000 en 2028.

“O noso compromiso é dobrar o parque público de vivenda en Galicia, facer todas as que poidamos onde se nos dean facilidades e aquí en Pontevedra se nos están a dar en canto a dispoñibilidade de terreo, axilización na tramitación das licenzas... todo iso contribúe a facer cidade e a mellorar a vida da xente”, explicou.

Por tanto, quixo agradecer así a implicación do Concello á hora de buscar parcelas para urbanizar e axilizar as cesións, ao mesmo tempo que reclamou a axilización no reparto dos fondos Next Generation para axudar ás administracións locais a construír tamén vivenda. “Se eses fondos viñeran para as comunidades, probablemente poderíamos estar aínda construíndo vivenda máis rápido e en máis lugares”, asegurou.

Tal e como indicou o presidente, está previsto que as 74 vivendas, que se distribuirán en catro bloques de 6 pisos con prazas de aparcamento, zonas verdes e paneis solares, poidan poñerse a disposición dos futuros inquilinos “cando remate o ano que vén ou, como moi tarde, no primeiro trimestre de 2026”.

Impulso ao barrio

Xunto ás vivendas da parcela (P-16) visitada hoxe polos responsables do Goberno galego, tamén se edificará noutras dúas parcelas (P-14 e P17) no mesmo polígono, o que permitirá a construción doutras “104 vivendas de promoción pública” –o contrato para a redacción dos proxectos xa foi licitado–. Unha vez finalizados todos estes proxectos, “Valdecorvos contará con máis de 500 vivendas protexidas: 358 de promoción pública e 157 de protección autonómica promovidas pola iniciativa privada”, explicou Rueda.

Nese sentido, quixo agradecer o esforzo de todas as partes implicadas, incluíndo construtoras, arquitectos, enxeñeiros, e técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), polo seu traballo na mellora do acceso á vivenda na comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024