A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou na inauguración do evento en Lalín

A Xunta agradece a contribución do Curso de Verán de Igualdade da USC na construción dunha Galicia máis feminista e máis diversa

María Quintiana advirte sobre as novas formas de violencia contra as mulleres e as nenas, como as violencias dixitais, destacando que isto só demostra que os avances tecnolóxicos poden converterse en aliados ou en inimigos

Lalín (Pontevedra), 9 de xullo 2024

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou esta mañá a contribución do Curso de Verán da USC na construción dunha Galicia máis feminista e máis diversa. Fíxoo durante a inauguración da edición número 19 destas xornadas que este ano levan por título Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: violencias – intelixencia artificial – ecofeminismo – coeducación.

Na súa intervención, a directora xeral recoñeceu esta cita como un espazo referente a nivel galego e no resto de España, pero, sobre todo, un espazo máis que necesario para seguir avanzando no camiño da igualdade de xénero. Ademais, tamén quixo recoñecer e apoiar, en nome da Xunta de Galicia, a dedicación e o esforzo do equipo organizador, así como a capacidade de loita, persistencia e convicción de toda a comunidade de profesionais que traballan e dedican a súa vida a seguir abrindo portas enteiras pola igualdade.

María Quintiana advertiu, ademais, sobre as novas formas de violencia contra as mulleres e as nenas, como as violencias dixitais que se abordan este ano no curso. Neste sentido, referiuse a que os avances sociais poden converterse en aliados ou en inimigos e, neste caso, as novas tecnoloxías están creando novas formas de violencia contra as mulleres. Así, destacou que a nova Lei de Igualdade de Galicia, aprobada o pasado mes de novembro, foi un importante paso para incorporar busca dar unha resposta transversal ao novo contexto social, cunha paso importante na a perspectiva de xénero en todos os eidos, tamén no dixital.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024