O conselleiro de Sanidade compareceu esta mañá a petición propia no Pleno do Parlamento para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento nesta lexislatura

Gómez Caamaño anuncia que neste ano estará en execución o 40% do plan para reducir os trámites burocráticos na atención primaria

Incide en que o obxectivo é que en 2026 a burocracia da atención primaria “estea reducida ao mínimo imprescindible” para que os profesionais sanitarios “dediquen máis tempo á actividade clínica” e os pacientes “non fagan trámites innecesarios”

Sinala, como principais novidades, a expedición da baixa laboral por parte dos servizos hospitalarios cando o paciente ingrese ou novas fórmulas de avaliación e seguimento dos pacientes con incapacidade temporal de media ou longa duración

Potenciarase o papel do farmacéutico como referente en farmacoterapia; axilizaranse os informes condicionantes de saúde, como os necesarios para solicitar a dependencia; e mellorarase a comunicación entre atención primaria e hospitalaria

Fixa o prazo dun ano para dispoñer dun Plan de recursos humanos que ofrecerá un mapa preciso do persoal dispoñible e a súa proxección a futuro, para poder anticiparse e planificar mellor a atención sanitaria a curto, medio e longo prazo

Avanza a creación dunha Oficina técnica que medirá os resultados en saúde dun xeito transversal, nos distintos servizos e nas distintas áreas sanitarias, de cara a lograr beneficios na atención dos pacientes

Salienta que o obxectivo é “optimizar” a gran sanidade pública coa que xa conta Galicia, situando ao paciente e aos profesionais sanitarios no centro do sistema

Destaca que Galicia é referente en moitos eidos, como o da prevención e control anticipado de enfermidades, situándose á vangarda no calendario de vacinación; no cribado neonatal; ou na detección precoz de cancro

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño anunciou hoxe que o 40% das medidas recollidas no Plan para reducir os trámites burocráticos na atención primaria no que está a traballar a Xunta xa estarán en execución neste ano 2024 co obxectivo de que en 2026 a burocracia neste nivel asistencial estea “reducida ao mínimo imprescindible”.

Na súa comparecencia a petición propia no Pleno do Parlamento para explicar as liñas estratéxicas do departamento que dirixe para esta lexislatura, o titular de Sanidade lembrou que un médico de familia dedica actualmente ata o 30% do tempo de traballo a tarefas de tipo administrativo ou clínico-administrativas. O que se pretende co Plan da Xunta para reducir a burocracia na atención primaria é que os profesionais sanitarios dediquen máis tempo á actividade clínica e evitarlles aos pacientes trámites innecesarios.

Para iso, explicou que o plan que se está a elaborar recolle cambios na atención primaria, na atención hospitalaria e nas diferentes plataformas tecnolóxicas do Servizo Galego de Saúde.

Entre os cambios máis destacados, Antonio Gómez Caamaño citou a expedición da baixa laboral por parte dos servizos hospitalarios cando o paciente ingrese. “Non é lóxico que un paciente cun proceso cirúrxico programado teña que ir logo solicitar a baixa ao seu médico de familia”, sinalou. Por iso, concretou, a baixa será automática, desde o servizo hospitalario.

O conselleiro incidiu en que se habilitarán novas fórmulas de avaliación e seguimento dos pacientes cunha incapacidade temporal de media ou longa duración evitando, por exemplo, que pacientes cunha fractura que require meses de curación ou cun tratamento oncolóxico teñan que confirmar cada pouco a baixa.

En relación coa prescrición de medicamentos, subliñou que se vai potenciar o papel do farmacéutico en atención primaria como referente en farmacoterapia no centro de saúde, aclarando dúbidas sobre como tomar a medicación ou dos efectos secundarios.

Remarcou que coa axuda da tecnoloxía se vai axilizar a elaboración de informes condicionantes de saúde, como os necesarios para solicitar a dependencia; e seguiranse a mellorar todas as canles de comunicación entre a atención primaria e hospitalaria para seguir acadando a mellor continuidade asistencial ao paciente.

En definitiva, dixo ao respecto, “queremos que os profesionais sanitarios dediquen máis tempo á actividade clínica; que os médicos de familia vexan reducida a carga burocrática; e que os pacientes non fagan trámites innecesarios”.

Plan de recursos humanos e resultados en saúde

Na súa intervención, Gómez Caamaño tamén se referiu ao Plan de recursos humanos no que xa se está a traballar e que agarda ter listo no prazo dun ano. Un plan, sinalou, que ofrecerá un mapa preciso do capital humano dispoñible cunha proxección a futuro, o que “nos garantirá a posibilidade de anticiparnos e de planificar a mellor atención sanitaria para os galegos a curto, medio e longo prazo”, ao coñecer os detalles da situación, das demandas e das necesidades de persoal a futuro.

Indicou que, con ese obxectivo, este mesmo mes se comezará a constituír un grupo de traballo para elaborar o primeiro documento coa metodoloxía a seguir e as seguintes fases que será preciso desenvolver para elevar a proposta acordada á mesa sectorial cos sindicatos e representantes do persoal. O fin, remarcou, é consensuar a proposta entre todos os actores implicados; sentar, de xeito acordado, as bases da planificación en materia de recursos humanos; e situar aos profesionais do sistema público de saúde no centro das políticas.

Gómez Caamaño avanzou a vontade da Consellería de orientar todas as políticas sanitarias dos próximos anos cara aos resultados en saúde. Para iso crearase unha oficina técnica orientada exclusivamente a desenvolver indicadores que midan os resultados en saúde dos distintos procesos, das listas de agarda, do seguimento e efectividade dos tratamentos, etc.

Esa oficina medirá os resultados en saúde dun xeito transversal, nos distintos servizos e nas distintas áreas sanitarias, como elemento clave para lograr beneficios para os pacientes. “Queremos e debemos ver como impacta o que facemos na cantidade e na calidade de vida dos nosos pacientes. Medirnos, compararnos e transferir boas prácticas clínicas nun proceso asistencial de mellora permanente”, abundou.

Plan de cobertura no verán

O titular de Sanidade tamén aludiu ao reto máis inmediato que tivo que afrontar desde que dirixe a Consellería: a cobertura sanitaria no verán. Lembrou que, ante a negativa do Goberno de España de implementar medidas que axudasen de xeito inmediato a paliar a situación de falta de médicos, a Xunta activou un Plan de cobertura do verán, dotado con 12,5 millóns de euros para conxugar o merecido descanso dos profesionais coa garantía de cobertura e a atención médica aos cidadáns.

O plan recolle medidas ordinarias e extraordinarias dirixidas a garantir unha asistencia sanitaria de calidade aos galegos, tamén durante o período estival: unha bolsa de voluntarios para a cobertura dos Puntos de Atención Continuada; o programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061; a oferta de mobilidade temporal e voluntaria cara a aqueles centros que precisen reforzos; e a encomenda de funcións aos médicos residentes de cuarto curso, para que poidan axudar no verán de xeito voluntario, incentivado e baixo supervisión.

A este respecto, Gómez Caamaño quixo agradecer a implicación e a responsabilidade amosada, tanto polos profesionais sanitarios para facer reforzos voluntarios, como polos médicos residentes que están a rematar a súa formación en Galicia e que decidiron axudar no verán. O certo, dixo, “é que estamos satisfeitos coa acollida”, xa que son preto de 110 os MIR que aceptaron a día de hoxe a encomenda e tamén xa hai máis de 350 médicos anotados na bolsa de voluntarios para realizar reforzos nos PAC. “Os galegos poden estar tranquilos, o sistema sanitario público de Galicia é sólido e está preparado para afrontar calquera conxuntura”, asegurou.

Optimizar a “gran sanidade pública” coa que xa conta Galicia

Na súa comparecencia no Pleno da Cámara, o conselleiro debullou os obxectivos que se fixa para esta lexislatura. Entre eles, protexer e preservar o sistema de saúde, propiciando medidas para mellorar as condicións de traballo dos profesionais sanitarios e optimizar a sanidade e a atención aos pacientes sen sobrecargar aos facultativos nin ao resto de profesionais.

Tamén se referiu á necesidade de acadar un pacto a tres bandas entre administración, profesionais sanitarios e poboación, para definir a sanidade do futuro, e ao diálogo como ferramenta esencial para conseguir ese obxectivo. E avogou por unha maior interacción entre a atención primaria e a hospitalaria, para garantir a continuidade asistencial.

Remarcou que os principios básicos que guiarán a acción da Consellería nos vindeiros anos serán situar no centro do sistema aos pacientes e a quen coidan deses pacientes, que son os profesionais do sistema sanitario público, co obxectivo prioritario de “optimizar” a gran sanidade pública coa que xa conta Galicia.

Lembrou que, por primeira vez na historia, a sanidade pública galega supera os 5.000 millóns de euros de orzamento, conta con máis de 43.000 profesionais traballando e dispón dunha infraestrutura hospitalaria das máis modernas, grazas a esa gran transformación en décadas que está a realizar a Xunta e aos máis de 158 millóns de euros que se levan investido na construción ou reforma de centros de saúde desde 2009.

Aludiu aos distintos fitos que sitúan a Galicia á vangarda, como o impulso da oncoloxía de precisión e as terapias avanzadas fronte ao cancro, cun Centro de Protonterapia que estará tratando ao paciente en 2026 e cun Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas que supón unha aposta decidida pola medicina personalizada cos medicamentos CAR-T; ademais de ter en marcha o Proxecto Xenoma Galicia que axudará a previr enfermidades detectándoas antes de que aparezan.

Gómez Caamaño incidiu en que Galicia segue incorporando novas patoloxías ao sistema de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias;  que está entre as comunidades máis doadoras de sangue e experimentou un aumento no número de doadores de órganos e de transplantes; ademais de ser líder en España na historia clínica electrónica única.

Detallou que se traballa xa na ampliación das unidades de reprodución asistida para que as mulleres poidan conxelar óvulos na sanidade pública, aínda que non teñan patoloxía previa, ampliando ata os 45 a idade para someterse a un tratamento de reprodución asistida; e eliminando o límite dun único fillo para poder acceder a estas terapias.

O conselleiro remarcou os logros acadados no eido da saúde pública, na prevención e o control anticipado das enfermidades, cos que Galicia acadou fitos que nos sitúan como un referente internacional. Lembrou que a comunidade galega dispón do calendario de vacinación máis completo do mundo, tanto infantil como de adultos; foi a primeira comunidade en incorporar a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial; e vai incorporar a vacina intranasal para a gripe, facilitando a vacinación dos máis novos.

Ademais, Galicia dispón do cribado neonatal máis completo de España: xa é punteira e este mesmo ano ampliaranse 3 novas patoloxías e o programa de cribado neotatal de cardiopatías conxénitas críticas. Tamén se puxo en marcha unha estratexia de eliminación da Hepatite C que se vai reforzar coa ampliación do cribado etario pioneiro en España de 60 a 69 anos e de 40 a 49 anos. E Galicia é pioneira nos programas de detección de cancro de mama, de colon e de cérvix, cando xa se están a iniciar novos programas piloto de cancro de pulmón na área sanitaria da Coruña e de cancro de próstata na de Ferrol.

Por último, aludiu a medidas normativas, como o inicio da tramitación do proxecto de decreto polo que se regula a entrega a domicilio de medicamentos e produtos sanitarios en supostos especiais que este mesmo luns se elevou ao Consello da Xunta; ou a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas aditivas, que pon o foco en novos produtos como os vapeadores e as bebidas enerxéticas, para a que se están a recabar os informes preceptivos, co fin de que poida ser aprobada este mesmo ano.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024