López Campos celebra “a calidade dos plans incluídos no CulturON 2024” no concerto ofrecido por unha sección da orquestra Chicago Brass Quintet en Merza

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste hoxe á cita ofrecida polos integrantes de vento metal no marco da programación do Festival Galaico Brass 

A cita forma parte das máis de 30 actividades culturais diarias que forman parte da campaña da Xunta de Galicia para os meses de verán

Merza (Pontevedra), 8 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe a calidade dos plans incluídos na campaña CulturON coa que a Xunta de Galicia enche os meses de verán de propostas de interese cultural. Fíxoo en Merza, onde asistiu á actuación dunha sección da orquestra Chicago Brass Quintent no marco da programación do Galaico Brass Festival, que se celebra ata o 12 de xullo.

Tal e como salientou o conselleiro de Cultura, a cita de hoxe reflicte a diversidade de propostas coas que os galegos poden gozar este verán e que inclúe unha trintena de tipoloxías nunha programación que chegará a máis de 200 concellos de Galicia. “Toda unha oportunidade para coñecer máis afondo a nosa cultura con plans que van desde o novo circo, as artes visuais ou o teatro a, como neste caso, a música clásica ou os festivais”.

O Galaico Brass Festival celébrase ata o 12 de xullo na localidade pontevedresa de Merza con concertos diarios de diferentes estilos musicais. A programación complétase con actividades didácticas nas que máis de 100 alumnos e alumnas aprenden dalgúns dos mellores artistas do panorama musical europeo.

Entre as figuras que actúan como profesorado na edición deste ano encóntranse Brian Wendel, trombonista internacional; Adam Rapa, trompetista de jazz e pop, ou Michael Mulcahy, trombón principal da Orquestra Sinfónica de Chicago.

Data de actualización: 08/07/2024