Valentín García chama a “analizar a situación das linguas nos novos contextos comunicativos”

O secretario xeral da Lingua participa na inauguración da USC ‘A lingua galega no século XXI: desafíos e fronteiras’, que se celebra desde hoxe ata o mércores

Ribeira (A Coruña), 8 de xullo de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe en Ribeira na inauguración do curso A lingua galega no século XXI: desafíos e fronteiras organizado pola Universidade de Verán da Universidade de Santiago de Compostela, onde destacou a necesidade de “analizar a situación dos idiomas e da lingua galega nos novos contextos comunicativos nos que nos atopamos hoxe en día”.

Neste senso, fixo fincapé na liña de traballo posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co fin de aproveitar as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial para impulsar a presenza do idioma galego en novos espazos con proxectos como o Proxecto Nós, centrado no procesamento automático da lingua propia. “Para o futuro do galego é fundamental asegurar a súa presenza nas novas linguaxes dixitais”, apuntou o secretario xeral da Lingua.

Tal e como explicou Valentín García, estes son os temas sobre os que versarán as xornadas dirixidas polos catedráticos e académicos Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira, e que se desenvolven desde hoxe ata o mércores no Centro Cultural Lustres Rivas. “Unha proposta moi acaída que afonda tamén na transmisión interxeracional da lingua no Barbanza e o seu mantemento nas escolas e nas dinámicas familiares, engadiu. 

O curso desenvólvese baixo os epígrafes Transmisión e mantemento da lingua, Linguas e migracións en Galiza e Tecnoloxías lingüísticas. Neste marco, os participantes poderán reflexionar, grazas aos expertos, na situación actual do galego e nas estratexias de transmisión, continuando coa descrición lingüística da Galicia actual e os novos repertorios plurilingües con especial interese en Ribeira. As novas formas de comunicación, coas posibilidades da tecnoloxía aplicadas ao idioma, será outro dos temas protagonistas, poñendo sobre a mesa o Proxecto Nós ou os sistemas de síntese de voz e recoñecemento da fala.

A programación complétase con outras accións prácticas de carácter cultural e patrimonial, como son a visita á illa de Sálvora, cunha sesión de narración con Quico Cadaval; a presenza na Nova Lonxa de Ribeira; unha ruta literaria guiada pola escritora Chus Blanco, e a visita ao Museo do Gravado de Artes. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2024