Alfonso Villares pon en valor a pesca artesanal e insiste no seu fomento para impulsar a economía galega

Porto do Son (A Coruña), 6 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou na Degustación Azul de Portosín, que tivo lugar este sábado no concello de Porto do Son, para por en valor a pesca artesanal e fomentar o seu crecemento. O titular de Mar destacou que esta actividade é o motor principal de moitas poboacións pesqueiras que contribúen ao desenvolvemento económico e á xeración dunha cultura que favorece ao turismo e a dinamización do litoral galego. Nesta liña, tamén enxalzou á Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, xa que se constitúe como unha das bases máis importantes para as descargas en Galicia da frota do cerco.

Por outra banda, o responsable autonómico fixo un recoñecemento ás mulleres mariñeiras que, co paso do tempo e con moito traballo, foron adquirindo unha importancia socioeconómica decisiva no complexo mar-industria e que seguen mantendo viva unha profesión que realiza unha inconmensurable aportación ao noso patrimonio cultural e mariñeiro. Ademais, Villares recalcou que desde o Goberno galego  se seguirá apostando por este tipo de iniciativas que axudan a impulsar á economía e que sitúan aos produtos pesqueiros nunha posición única nos mercados internacionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2024