A conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou as obras que se están a realizar no Polígono 1 de San Paio e deu conta das vindeiras actuacións

A Xunta ten en marcha investimentos que suman 105 M€ para urbanizar e construír as primeiras 359 vivendas de promoción pública na ampliación de Navia

A cifra inclúe o investimento nas urbanizacións dos polígonos 1 e 2, o relativo á construción de 359 vivendas de promoción pública no polígono 1 e as obras de reparación das rúas que quedan por entregar ao Concello de Vigo da primeira fase

María Martínez Allegue subliña que a ampliación de Navia “é o emblema das políticas de vivenda da Xunta” 

A conselleira destaca que no Polígono 1 xa están licitadas máis da metade das 359 VPP previstas, despois de que este venres saia a contratación a construción de 38 destas vivendas 

Nos vindeiros días está prevista a licitación de 58 novas vivendas no Polígono 1, por 13M€, e dos traballos de urbanización do Polígono 2, onde se prevén 719 vivendas, por importe de 16,3M€

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas estimou en máis de 300M€ o investimento total que levará San Paio de Navia, incluíndo a construción das 1.600 vivendas previstas nos 3 polígonos, as urbanizacións e a adquisición de solo, cifra á que haberá que sumar o investimento nas parcelas comerciais e de equipamento

Vigo, 5 de xullo de 2024.- A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, realizou neste venres xunto ao secretario xeral de Vivenda, Heriberto García Porto e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, unha visita a San Paio de Navia para dar conta das actuacións que se están a executar e adiantar os próximos pasos que a Xunta vai acometer neste barrio. Segundo subliñou, están en marcha neste intre investimentos que suman 105M€ para urbanizar e construír as primeiras 359 vivendas de promoción pública que levará a ampliación de Navia.

 

A construción desas 359 vivendas de promoción pública que están planificadas no Polígono 1 suporá un investimento dun total de 72M€. Delas, máis da metade, en concreto 201, están en proceso de contratación ou de adxudicación, incluíndo as 48 cuxa licitación está previsto que saia este mesmo venres, e nos vindeiros días o Consello da Xunta dará luz verde á contratación de 58 vivendas. As restantes 100 están xa programadas e en breve iniciaranse os trámites para a licitación da redacción dos proxectos.

 

Ademais, están en marcha as urbanizacións dos polígonos 1 e 2. No caso da primeira destas actuacións, cun orzamento de 13,1M€, as obras foron hoxe visitadas pola conselleira e o seu remate está previsto para a primavera do 2025, mentres que a urbanización do Polígono 2 sairá a licitación nos vindeiros días por 16,3M€. 

Por outra banda, Martínez Allegue indicou que neste mes de xullo autorizarase tamén a contratación das obras de reparación das rúas sen entregar ao Concello correspondentes á primeira fase de Navia, por 4,3M€.

Todos estes investimentos fan de Navia, segundo apuntou,  “un emblema das políticas de vivenda da Xunta e do cumprimento do compromiso do Goberno galego para mellorar as condicións de acceso á cidadanía a este ben”. A conselleira estimou en máis de 300M€ o investimento total que levará San Paio de Navia, incluíndo a construción das 1.600 vivendas previstas, as urbanizacións e a adquisición de solo, cifra á que haberá que sumar o investimento nas parcelas comerciais e de equipamento. Neste senso, recordou que nunha desas parcelas de equipamento está prevista a construción dun instituto por parte da Xunta.

Lembrou así mesmo que na Estratexia de Vivenda á que acaba de dar luz verde a Xunta prevense outras 7.360 vivendas a maiores das de Navia na área urbana de Vigo. “Para desenvolver esta estratexia é fundamental a colaboración dos concellos e o traballo conxunto”, subliñou, tras destacar a cooperación do Concello de Vigo, “imprescindible para axilizar a construción de vivenda pública”. 

Neste senso apuntou que a Xunta xa está a ultimar a creación do grupo de traballo acordado na recente reunión entre o presidente Alfonso Rueda e o alcalde Abel Caballero, para avaliar e coordinar as políticas de vivenda no municipio.

Tres polígonos

A ampliación de San Paio de Navia distribúese nos tres polígonos de actuación e sumará un total de 1.600 vivendas protexidas. No polígono 1, cuxa urbanización está en execución, están previstas 359 vivendas de promoción pública e as restantes 374 serán de protección autonómica.

Por outra banda, no Polígono 2, cuxas obras de urbanización xa foron autorizadas polo Consello da Xunta e se licitarán nos vindeiros días por 16,3M€, prevense 719 vivendas, das que boa parte serán de promoción pública. O inicio das obras está previsto para o primeiro trimestre de 2025. E no Polígono 3, construiranse 147 vivendas. O proxecto xa foi presentado ao Concello de Vigo e está en tramitación para a súa aprobación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024