Alfonso Villares e a directora xeral de FP visitaron as instalacións do centro do que sairá a primeira promoción de acuicultores galegos

A colaboración das Consellerías do Mar e de Educación permite que o IES Marqués de Sargadelos imparta o vindeiro ano o 1º ciclo medio de cultivos acuícolas de Galicia

O Goberno galego dá resposta a outro obxectivos que demanda o tecido empresarial, que é contar con persoal debidamente formado e cualificado

A Xunta destina en 2024 máis de 20 millóns de euros a este sector, duplicando así a contía do pasado exercicio, cifrado en 10,9 millóns

A Formación Profesional en Galicia ten máis de 1.700 grupos e máis de 46.700 prazas de novo ingreso

Cervo (Lugo), 5 de xullo de 2024

O IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao convértese no primeiro instituto de Galicia en impartir o vindeiro curso (2024-2025) un ciclo medio de cultivos acuícolas dentro da nova Formación Profesional Dual Intensiva. Será grazas á colaboración entre as Consellerías do Mar e de Educación, segundo destacaron o titular autonómico Alfonso Villares, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez Fernández, durante a visita que realizaron este venres ao centro. Os responsables autonómicos estiveron acompañados da xefa territorial de Mar Celeiro-Lugo, Mariña Gueimunde, a alcaldesa de Cervo, Dolores García, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e do director do centro educativo, Mario Martínez Maneiro.

A localidade luguesa ofrece así este ciclo que permitirá que do IES mariñao saia a primeira promoción de acuicultores galegos, e que só estaba dispoñible no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), situado na localidade pontevedresa de A Illa de Arousa. Para elo, conta co impulso de dúas piscifactorías da comarca: Acuidoro, de Cervo, que é propiedade de Stolt Sea Farm; e Insuiña, de Xove, que depende de Nueva Pescanova.

En total, o centro oferta 22 prazas e os requisitos serán similares aos dun ciclo medio ordinario. Parte da formación impartirase no CIMA de Ribadeo, onde haberá módulos específicos de criadeiro de moluscos e crustáceos. Terá unha duración de 2.100 horas totais, que se distribuirán en dous cursos, e as prácticas serán remuneradas.

Resposta á demanda empresarial

Deste xeito, a administración autonómica, ademais da oferta formativa, dá resposta a outro dos obxectivos que demandan as empresas, que é poder contratar a persoal debidamente formado e cualificado. Por tanto, os alumnos, ademais de aprender un oficio cun futuro prometedor en Galicia, obterán un título de formación profesional que os acreditará para desempeñar o labor no tecido empresarial vinculado ao sector.

 

Neste senso, Villares destacou a aposta do Goberno galego pola acuicultura, sector ao que en 2024 a Xunta destina máis de 20 millóns de euros, duplicando así a contía do pasado exercicio, cifrado en 10,9 millóns. Trátase de impulsar esta actividade que en 2023 produciu un total de 109.407 toneladas por valor de 232,6 millóns de euros.

 

A FP, en Galicia

Este centro, que conta cuns 165 alumnos e máis de 30 profesores, oferta tamén un Ciclo Superior de FP Dual de Química Orgánica  e un de FP Básica de Informática de Oficina. A Formación Profesional en Galicia ten máis de 1.700 grupos e máis de 46.700 prazas de novo ingreso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024