Román Rodríguez anuncia a ampliación da Escola de Educación Infantil O Areal, en Baiona

O conselleiro de Educación visita o centro, no que se investirán preto de 225.000€ para construír un novo edificio anexo ao existente

Está previsto que a obra comece en novembro e remate en maio, para o que o Concello vai conceder a licenza o vindeiro mércores

Baiona (Pontevedra), 4 de xullo de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a Escola de Educación Infantil O Areal, en Baiona, para anunciar a súa ampliación. Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta explicou que a actuación está xa licitada e conta cun orzamento de case 225.000€. A previsión é comezar as obras en novembro e rematalas en maio, para o que o Concello de Baiona vai conceder a licenza o vindeiro mércores, tal e como informou o alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, na visita.

Román Rodríguez destacou a importancia desta actuación “dotar a esta escola dun espazo amplo onde poder desenvolver diferentes actividades, tanto didácticas como de ocio, tan importantes para o desenvolvemento do alumnado de Infantil”. “Seguimos os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que aposta por espazos flexibles e polivalentes en continuidade coa natureza, como vai ser o que construamos neste centro”, detallou.

Deste xeito, a obra consiste na construción dun volume anexo á edificación existente que se adapta á altura do actual edificio, cunha superficie total de 107,75 m². O novo espazo será flexible e poderá usarse tanto de maneira independente como estendéndoo cara ao espazo exterior, achegando ademais un espazo cuberto que permita o seu uso en condicións climatolóxicas adversas.

Así mesmo, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros educativos procura a eficiencia enerxética e o respecto ao medio ambiente. Neste sentido, a nova edificación da EEI O Areal terá a mínima pegada ecolóxica e a súa construción vai ser en seco, é dicir, executada sen necesidade de auga. A única excepción será a cimentación e a soleira do edificio, que se realizarán de xeito tradicional, con formigón armado.

A estrutura do novo edificio será de madeira laminada, con cerramentos de paneis de madeira-cemento, fiestras de madeira, divisións interiores de panel de xeso, pavimentos de tarima flotante de madeira e cuberta de zinc.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024