Román Rodríguez sitúa ANFACO-CECOPESCA como exemplo de innovación e competitividade na industria mar-alimentaria

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o centro acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo

O representante da Xunta destaca a participación do centro en grandes proxectos estratéxicos como as Unidades Mixtas de Investigación ou Fábrica Intelixente e Sustentable

Vigo, 4 de xullo de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou esta mañá en Vigo ANFACO-CECOPESCA e destacou o papel clave que desenvolven os centros tecnolóxicos no impulso á innovación e á competitividade do tecido produtivo galego e, neste caso, da industria mar-alimentaria. O conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e polos presidente e secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA, Iván Alonso-Jáudenes e Roberto Alonso, respectivamente. Este encontro enmárcase na rolda de visitas do titular de Ciencia aos centros tecnolóxicos galegos. 

Na visita, o representante da Xunta de Galicia tivo oportunidade de coñecer o Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria (CYTMA), un espazo de investigación tecnoloxicamente punteiro, que contou co apoio do Goberno galego e fondos FEDER para a súa dotación de infraestruturas e equipamento científico-tecnolóxico. 

Neste contexto, Román Rodríguez reivindicou o rol de aliado do centro tecnolóxico na dinamización da industria do mar-alimentaria e puxo como exemplo a participación do centro en instrumentos como as Unidades Mixtas de Investigación ou o programa Fábrica Intelixente e Sustentable da Xunta de Galicia. Liñas que fan posible unha maior integración dos axentes do ecosistema do I+D+i galego para resolver os retos existentes na cadena mar-alimentaria, un principio fundamental desta entidade viguesa.

Cooperación co tecido empresarial

ANFACO-CECOPESCA impulsou cinco unidades mixtas desde 2014 en cooperación co tecido empresarial co obxectivo de desenvolver actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia, impulsar a transferencia de I+D ao tecido produtivo e atraer empresas cara Galicia. Actualmente, está a desenvolver unha Unidade Mixta de Investigación coas empresas Lagumar Seas e Angulas Aguinaga (ambas do grupo vasco Angulas Aguinaga) que está a investigar a mellora na produción de moluscos incorporando tecnoloxías avanzadas e dixitalización. 

Así mesmo, o centro tecnolóxico participou en tres proxectos do programa Fábrica Intelixente e Sustentable que persegue a modernización da industria galega en sectores estratéxicos. Na actualidade, ANFACO-CECOPESCA traballa nun proxecto que introduce as novas tecnoloxías para a xestión intelixente e sustentable do procesado no sector pesqueiro, liderado pola empresa Hermasa Canning Technology SA.

Por último, o conselleiro apuntou a participación do centro na Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia, que agrupa a sete centros tecnolóxicos galegos, e no Hub de Innovación Dixital DATAlife, que está a impulsar a transformación dixital das pemes de sectores como agro-mar-alimentación, forestal-madeira, biotecnoloxía e coidados-saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024