Román Rodríguez anuncia a licitación da rehabilitación integral do colexio Pérez Viondi da Estrada, cun investimento de máis de 1 M€

Inclúe o cambio de cuberta do edificio principal, a mellora da accesibilidade e a renovación de fiestras do ximnasio, entre outras

Tamén se están a redactar proxectos para acometer melloras no CEIP O Foxo e no IES Manuel García Barros

A Estrada (Pontevedra), 3 de xullo de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Pérez Viondi, onde anunciou a licitación da  rehabilitación integral do centro, que contará cun investimento de máis de 1M€. “A previsión é adxudicar a obra no mes de outubro e comezala en novembro”, explicou.

“Esta obra supón unha importante renovación para este colexio, que se suma aos case 2M€ que levamos investidos neste centro desde 2009”, destacou o titular do departamento educativo da Xunta. 

Román Rodríguez avanzou tamén que xa están en redacción os proxectos para outras dúas actuacións en centros educativos da Estrada, como a mellora en falsos teitos luminarias e instalación eléctrica do Colexio CEIP O Foxo (orzamento estimado de 175.000€) e a instalación dun ascensor no Instituto IES Manuel García Barros (orzamento estimado de 125.000€).

“Todas elas son actuacións incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para renovar os 1.600 edificios que forman os máis de 1.000 centros educativos galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, ao tempo que se mellora a súa eficiencia enerxética e o confort da comunidade escolar”, sinalou o conselleiro.

Illamento e accesibilidade

A rehabilitación integral do CEIP Pérez Viondi abranguerá o cambio de 2.500 m² da cuberta do edificio principal, así como a aplicación de material illante nas cámaras de aire, a substitución de falsos teitos, a colocación de novas luminarias led e a substitución de caldeira de gasóleo por outra de biomasa. A maiores, en prol dunha maior accesibilidade, instalarase un ascensor e un aseo adaptado. Tamén se acometerán outras pequenas reorganizacións de espazos interiores, en función das demandas do centro.

A actuación inclúe tamén a mellora do ximnasio, co cambio das súas 10 fiestras, a inxección de illante nas cámaras, a colocación de falso teito térmico e acústico e a instalación de novo pavimento deportivo. Xa no exterior, mellorarase o pavimento de caucho do patio de Infantil e habilitarase unha zona cuberta no acceso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2024