A Xunta salienta o labor dos centros comerciais abertos como A Morea a prol da revitalización do comercio local

O Porriño (Pontevedra), 3 de xullo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe no Porriño á presentación da campaña de rebaixas do Centro Comercial Aberto A Morea e visitou establecementos comerciais da zona. Alí destacou o labor dos centros comerciais abertos como A Morea na revitalización do comercio local e lembrou que este ano o Goberno autonómico destinou 2,25 millóns de euros á convocatoria de axudas para a innovación e dinamización destes centros.

No 2023 a Xunta destinou tamén 2,25 millóns de euros para apoiar 51 centros comerciais abertos de cidades e vilas de Galicia. Con estas achegas, destacou o director xeral, o Executivo galego busca promover a revitalización do comercio local como elemento esencial do desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas. Son apoios que ademais de financiar custes do xerente e gastos de actividades tamén van dirixidos a mellorar a fidelización e a dixitalización con medidas como bonificacións para aparcar a través dos tikects de compra o través da creación e mantemento de marketplaces, páxinas web ou mupis e sinalización dixital, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2024