Ana Ortiz apela ao “clima de entendemento” do concello coa Xunta e pide ao alcalde que se sume ao manifesto da alta velocidade entre Vigo e Oporto

A delegada empraza por carta ao rexedor vigués a que se sume ás peticións do presidente Alfonso Rueda para solicitar prazos concretos e orzamentos na liña ferroviaria con Portugal 

Vigo, 3 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, emprazou este mércores a o alcalde, Abel Caballero, a firmar o manifesto firmado entre Galicia e Portugal para acelerar a posta en marcha da alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Oporto.  A representante autonómica saiu ao paso das declaracións feitas polo rexedor vigués “tan só unha semana despois” da reunión mantida con presidente Alfonso Rueda.

“Gustaríame que o alcalde non rompa o clima de entendemento coa Xunta de Galicia e apoie as peticións sobre unha infraestrutura básica para o progreso da nosa cidade”, apuntou Ana Ortiz. Ademais, explicou que xa se dirixiu de forma oficial ao alcalde para que se sume ao pacto do Goberno galego e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional Norte de Portugal (CCDR-N) rubricado na localidade de Valença do Minho.

Ortiz lembrou que o texto firmado en Valença ten como obxectivo apoiar a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Lisboa que xa fora aprobada en sucesivos cumios ibéricos entre os Gobernos de España e Portugal, nos que se recoñeceu a prioridade desta infraestrutura. No anterior cumio celebrado en marzo de 2023 en Lanzarote ambos executivos comprometéronse a potenciar as actuacións da infraestrutura, en especial o Corredor Atlántico.

“Polo ben da cidade e polo futuro dun proxecto vital para nosa economía, agardo que decida adherirse ao manifesto firmado onte en Valença e pida a Pedro Sánchez que se comprometa coa mesma intensidade que Portugal”, indicou.

O Goberno galego e o portugués renovaron o compromiso da alta velocidade no encontro celebrado o pasado 23 de maio entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de infraestruturas luso, Miguel Pinto, xunto co presidente da CCDR-N, António Cunha. Nesta reunión fixouse a data de posta en servizo en 2032. Ademais, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xa viña reclamando desde hai unha década a liña de alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa, que tanto para a Xunta como para a CCDR-N supón unha actuación prioritaria.

Data de actualización: 03/07/2024