O conselleiro do Mar asiste ao acto de entrega de diplomas

Villares destaca a contribución do programa Competemar como ferramenta coa que afondar na internacionalización das empresas pesqueiras galegas

O titular de Mar pon en valor o reforzo do apoio ás empresas aumentando nun 30% o investimento en dinamización de mercados ata alcanzar os 4,6 millóns de euros permitindo a presenza de Galicia en 17 feiras internacionais ao longo de todo o 2024

O programa para a Mellora Competitiva das Empresas do Mar é unha aceleradora de internacionalización executada polo Clúster Alimentario de Galicia (que financiada pola Consellería do Mar

No programa formativo en Comercio Internacional, no que participaron 22 empresas do sector, se abordaron aspectos como as estratexias, a selección de mercados e clientes e a participación en feiras e misións internacionais

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou na xornada de peche e na entrega de diplomas da formación en Comercio Internacional do programa Competemar celebrada na capital galega onde enxalzou o papel desta aceleradora de internacionalización levada a cabo polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Unha iniciativa que conta co apoio da Consellería do Mar e que pon a disposición do sector ferramentas coas que afondar na expansión das súas actividades e produtos a novos mercados.

O titular de Mar puxo en valor o reforzo do apoio ás empresas neste ámbito cun incremento do 30% nos fondos destinados a dinamización de mercados ata alcanzar os 4,6 millóns de euros, permitindo a presenza do sector pesqueiro galego en 17 feiras internacionais ao longo de todo o 2024. Un traballo que unido á profesionalidade e bo facer das compañías galegas fixo posible a comunidade continúe rexistrando récords en exportacións pesqueiras ata preto dos 2.800 millóns de euros no 2023.

Nesta liña, situou a Clusaga e ao  programa Competemar como aliados imprescindibles á hora de facilitar ao sector os instrumentos necesarios para elaborar e orientar os seus plans de entrada a mercados estratéxicos. Unhas tarefas imprescindibles nunha economía global na que o comercio exterior é garante de crecemento e de estabilidade.

Con esta xornada púxose o punto e final ao curso formativo en Comercio Internacional no que se formaron os responsables de 22 entidades participantes en temas como estratexias de internacionalización, identificación de mercados, marketing, loxística, operacións internacionais ou misións comerciais.

Competemar

O programa Competemar é unha aceleradora de internacionalización coa finalidade de proporcionar un paquete completo de servizos para impulsar a implantación internacional e o desenvolvemento comercial ás empresas da cadea mar-industria. Está orientada a dous mercados obxectivos escollidos seguindo a experiencia acumulada pola Consellería do Mar así como as expectativas do sector que foron Francia e Estados Unidos. Entre os servizos ofertados están o programa de formación e capacitación, o servizo de información sobre negocios e mercado obxectivo, misións comerciais, eventos B2B, matchmaking e networking nos mercados obxectivo ademais de cheques de internacionalización para apoiar a participación das empresas nas misións internacionais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 03/07/2024