O Diario Oficial de Galicia publica a incoación da Rapa das Bestas como Ben de Interese Cultural Inmaterial

A Xunta de Galicia inicia así os trámites deste proceso, o que supón a salvagarda desta manifestación cultural de valor etnolóxico senlleiro

O expediente ten en conta que se trata dunha tradición sobranceira que forma parte da memoria colectiva de Galicia

A celebración, considerada de Interese Turístico Nacional e Internacional, comezará o venres no concello pontevedrés da Estrada

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial a Rapa das Bestas de Sabucedo, unha das festas máis antigas de Galicia que conta con mínimo tres séculos de historia. A Xunta de Galicia inicia así os trámites deste proceso, o que supón a salvagarda desta manifestación cultural que conta cun valor etnolóxico senlleiro.

Tal e como se recolle na incoación, o expediente elaborado polos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en conta que se trata dunha tradición que forma parte da memoria colectiva de Galicia “onde os valores de autenticidade, identidade e vontade colectiva converten a Sabucedo, unha aldea que durante o ano non supera os sesenta habitantes, no centro de atención de todos os medios do país e de fóra de Galicia”.

Neste senso, a documentación destaca que se trata dunha celebración inserida no contexto histórico de cada momento que se configura como unha manifestación sobranceira da nosa Comunidade e que, polo tanto, reúne todos os condicionantes para ser declarada Ben de Interese Cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia. En canto ao valor cultural destaca o “respecto pola tradición e polos rituais que foron e son transmitidos de xeración en xeración”.

A documentación recolle tamén que se trata da “manifestación inmaterial máis clara que existe en Galicia da relación ancestral entre uns animais e os seres humanos” e que foi a celebración da rapa o que permitiu que esta “emblemática especie silvestre, fundamental para a conservación dos ecosistemas de media montaña en Galicia, sobrevivise ao longo dos séculos”.

Prazo máximo de 24 meses

Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia ábrese un período de información pública polo prazo dun mes para que calquera persoa poida presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O procedemento, que debe rematar antes de 24 meses, culminará co acordo, mediante decreto, da declaración como Ben de Interese Cultural.

Considerada Festa de Interese Turístico Nacional e Internacional, a Rapa das Bestas de Sabucedo celebrarase desde o venres e durante catro días no concello pontevedrés da Estrada. A programación inclúe a tradición da gandería extensiva e de manter os cabalos ceibos no monte e todos os elementos, traballos e actos que son necesarios para xuntar estes animais; baixalos ata aldea; e encerralos no curro para logo ceibalos de novo, concluídos e realizados todos os pasos da rapa.

Data de actualización: 03/07/2024