O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse cos directores e orientadores laborais das oficinas de emprego da provincia da Coruña

A Xunta potenciará as oficinas de emprego e os orientadores para seguir avanzando na dinamización dun mercado laboral que amosa datos históricos

O titular de Emprego salientou que Galicia, coa menor cifra de desempregados desde que hai rexistros, lidera a nivel autonómico a caída do desemprego e ademais presenta a mellor cifra de afiliacións nun mes de xuño dos últimos 19 anos

Expuxo que o Goberno galego reforzará o traballo dos orientadores laborais con apoios como os que se revolveron recentemente e que permiten a contratación de 258 profesionais en concellos e entidades sen ánimo de lucro

Fixo fincapé na modernización do Servizo Público de Emprego a través de medidas para casar oferta e demanda como a ferramenta EMi, favorecendo a empregabilidade das persoas que busquen emprego dun xeito activo

A reunión cos directores e orientadores laborais das oficinas de emprego da provincia da Coruña enmárcase no proceso de escoita activa que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten aberto cos principais axentes sociais e económicos

A Coruña, 3 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe o importante papel que desempeñan os orientadores laborais para que as persoas que demandan emprego atopen unha ocupación o máis axeitada posible ás súas capacidades e a súa contribución a que Galicia lidere en España a caída do paro na evolución anual.

Así o sinalou no marco dun encontro cos directores e orientadores das oficinas de emprego da provincia da Coruña, no que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho; a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Alí tamén afondou nos datos históricos do mercado laboral do mes de xuño e sinalou que Galicia leva cinco meses consecutivos nos que cae o desemprego, acadando, ademais, as cifras máis baixas desde que hai rexistros (1996). É a primeira vez desde hai 28 anos que o paro en Galicia se sitúa por debaixo das 118.000 persoas, en concreto, rexistráronse 117.938 persoas en situación de desemprego, sinalou.

Ademais, remarcou que Galicia lidera a caída do paro na evolución anual (-8,59%) en termos relativos e é a segunda comunidade na que máis baixa o paro, tamén en valores porcentuais (-3,36%), con respecto a hai un mes. As afiliacións á Seguridade Social, lembrou, presentan os mellores datos dun mes de xuño desde 2005 -1.084.871-.

En relación coa provincia e a cidade da Coruña, explicou que as cifras reflicten ademais o mesmo ritmo positivo con baixadas do paro na evolución anual e mensual. A caída na provincia con respecto a hai un ano do -9,45% supera á media galega (-8,59%).

Neste sentido, o conselleiro puxo en valor a contribución dos orientadores laborais a estes resultados. Un labor, subliñou, que o Goberno galego seguirá impulsando con apoios como os que se revolveron recentemente e que permiten a contratación de 258 orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro cun investimento superior aos 7,1 millóns de euros.

Medidas para favorecer a empregabilidade das persoas que buscan traballo

José González tamén fixo referencia á importancia que ten a formación para o emprego, xa que contribúe á creación dos itinerarios laborais das persoas desempregadas que desenvolven os orientadores nas 54 oficinas de emprego de toda Galicia, así como a incrementar as oportunidades laborais das galegas e dos galegos.

Unha cuestión, subliñou, na que está a traballar o Goberno galego para xerar máis e mellor emprego na comunidade. Nesta liña, mencionou o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego que permite afinar que nas listas do paro estean as persoas que demandan emprego dun xeito activo e que facilitou a contratación de máis de 3.700 persoas.

Ademais referiuse á modernización que está a desenvolver a Xunta no Servizo Público de Emprego de Galicia para, entre outros fins, casar oferta con demanda e dar saída aos perfís que demandan as empresas. Neste ámbito salientou a ferramenta tecnolóxica, EMi, baseada na Intelixencia Artificial e pioneira en España e na Unión Europea.

Con EMi, lembrou, o Executivo galego avanzará na detección de competencias para facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións de cara a aumentar a empregabilidade das galegas e galegos coa previsión de que se poidan beneficiar máis de 70.000 persoas da iniciativa ata setembro de 2025.

Deste xeito, explicou José González, a Xunta busca axudar as empresas a localizar o mellor talento e axudar as persoas que recorran ao Servizo Público de Emprego a consolidar a súa traxectoria profesional para seguir dinamizando a economía e continuar co avance favorable do noso mercado laboral.

A reunión

Esta reunión cos directores e orientadores laborais das oficinas de emprego da provincia da Coruña enmárcase no proceso de escoita activa que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten aberto desde o mes de maio cos principais axentes sociais e económicos de Galicia. O encontro serviu para afondar no imprescindible labor destes orientadores de cara a mellorar as oportunidades das coruñesas e coruñeses de atopar un traballo estable e de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2024