Representantes do sector da pesca de Costa Rica e Perú visitan Galicia nunha xira formativa organizada por Cetmar

A visita de tres docentes do Instituto Nacional de Aprendizaxe (INA) costarricense e dun investigador do Instituto do Mar peruano (Imarpe) está prevista do 1 ao 12 de xullo

A acción desenvólvese no marco do programa “Adelante 2”, financiado polo Fondo de Cooperación Triangular Unión Europea-Costa Rica-América Latina e O Caribe

Vigo, 3 de xullo de 2024

O fortalecemento dos actores clave da pesca de Costa Rica e Perú é o obxectivo do proxecto que, financiado polo Fondo de Cooperación Triangular Unión Europea-Costa Rica-América Latina e O Caribe, está a desenvolver o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, e que traerá a Galicia a representantes do sector nunha xira formativa que se desenvolverá do 1 ao 12 de xullo.

Tres docentes do Instituto Nacional de Aprendizaxe (INA) de Costa Rica e un investigador do Instituto do Mar de Perú (Imarpe) forman parte da delegación que durante doce días terá a oportunidade de coñecer a organización da administración e do sector pesqueiro galegos, o sistema de formación marítimo-pesqueira vencellada ás artes de pesca, a trazabilidade dos produtos da pesca artesanal e a relación entre este sector e o turismo.

A axenda organizada pola Fundación Cetmar inclúe entrevistas con representantes da Consellería do Mar o pasado martes 2 de xullo e con responsables da Inspección Pesqueira da Xunta de Galicia no día de hoxe, xornada na que tamén está prevista unha visita ao Porto de Vigo pola tarde. Ademais deste coñecerán o Porto de Cangas e ás lonxas de Campelo e Cambados, xunto coa de Vigo, esta o día 11.

O programa previsto complétase con visitas a centros de formación marítimo-pesqueira como A Aixola en Marín o día 5 de xullo e a asociacións e colectivos vencellados ao sector pesqueiro galego, entre outras.

Persoal do Centro Tecnolóxico do Mar acompañará á delegación en todo momento e traballará cos docentes do INA e co investigador do IMARPE na identificación das fortalezas e debilidades en materia de artes e métodos de pesca selectivos e amigables cos ecosistemas, nos que se centra a labor conxunta das tres institucións neste proxecto, que busca así a mellora da cadea produtiva de valor da pesca artesanal.

O proxecto daba comezo a finais de 2023 co obxectivo de capacitar ao  sector pesqueiro costarricense no uso de artes de pesca sostibles, ademais de deseñar un módulo de capacitación para pescadores costarricenses e realizar unha avaliación das artes utilizadas na zona.

Esta capacitación desenvólvese nos tres países que forman parte desta cooperación triangular: Costa Rica, a través do INA, como país beneficiario, e Perú, a través do Imarpe,  e España, a través de Cetmar, como países oferentes. O proxecto finaliza en decembro de 2024.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 03/07/2024