Mañá abre o prazo para que as escolas infantís privadas e de iniciativa social se adhiran á gratuidade o vindeiro curso

O próximo ano 2025, estes centros comezarán a aplicar por vez primeira uns criterios de acceso homoxéneos, dándolle prioridade ás familias nas que os dous proxenitores traballan, entre outras

O Goberno galego destina 45,7 millóns de euros de fondos propios a financiar a gratuidade nestes centros

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas para financiar a gratuidade nas escolas infantís privadas e de iniciativa social. Unhas axudas que consolidarán a gratuidade dos centros de 0-3 anos e ás que o Goberno galego destina 45,7 millóns de euros de fondos propios. Os centros contan cun mes, contado a partir de mañá, para acollerse a esta medida.

Entre estes centros e os de titularidade pública, tanto os propios da Xunta como os que dependen dos concellos, porase á disposición das familias preto de 32.000 prazas de balde, polo que, un curso máis terán cuberta a atención educativa dos seus fillos un máximo de oito horas ao día e durante once meses sen custo algún para elas.

Con esta medida, Galicia consolídase como unha Comunidade pioneira na implantación da gratuidade, un proceso que iniciou no curso 2019-2020 para as familias con dous ou máis fillos e que no curso 2022-2023 se ampliou ao 100% do alumnado.

Esta nova orde de axudas ten como novidade que todas as escolas de 0 a 3 privadas e de iniciativa social aplicarán os mesmos criterios de preferencia no acceso, dándolle prioridade ás familias con irmáns na escola, a fillos de traballadores do centro e a familias nas que traballan os dous proxenitores ou o proxenitor no caso de familias monoparentais. Esta novidade comezará a aplicarse o vindeiro ano 2025 de cara ao curso académico 2025-26.

Anticipos das axudas

Ademais, mantense o abono de tres anticipos ás escolas para axudas no mantemento da gratuidade. O primeiro deles será do 100% da cantidade correspondente ao período de setembro a decembro de 2024, para que os centros dispoñan da liquidez ao inicio do curso. O segundo anticipo será do 45% do importe da achega e efectuarase a comezos de 2025 para o período de xaneiro a marzo e o terceiro, da mesma contía, para os meses de abril a xullo. O 10% restante aboarase ao remate do curso.

Data de actualización: 03/07/2024