O presidente da Xunta visita a sede do grupo SDG en Santiago, que albergará o futuro ‘hub’ de Intelixencia Artificial da compañía

Rueda convida ás empresas a apostar por Galicia como polo de talento e innovación e aposta por superar o reto demográfico a través dun emprego de calidade

Agradece o compromiso de SDG con Galicia, destacando que o 10 % dos traballadores son galegos retornados

Lembra que a comunidade será a primeira en dispoñer dunha lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial

O Goberno galego está a utilizar os beneficios desta tecnoloxía para modernizar o sistema público de emprego, con ferramentas como EMi, un software pioneiro en España e en Europa

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento ás empresas a apostar por Galicia como un polo de talento e innovación e apostou por contribuír a superar o reto demográfico a través do fomento dun emprego de calidade.

Así o manifestou durante unha visita á sede do grupo SDG en Santiago de Compostela, onde se anunciou que dita sede será a base de operacións do novo hub de Intelixencia Artificial da compañía. Neste sentido, Rueda, que estivo acompañado do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, agradeceu a aposta desta empresa por Galicia, xa que esta iniciativa permitirá liderar proxectos de intelixencia artificial a nivel autonómico, estatal e europeo.

Ademais, subliñou que este proxecto será un polo de atracción e captación de talento local e internacional, duplicando na comunidade o cadro de persoal actual da empresa - con entre 120 e 150 novos traballadores-. O titular do Executivo galego destacou que o 10 % dos traballadores actuais son galegos retornados. “Queremos que todo o mundo poida regresar á súa terra”, sinalou Rueda, quen subliñou a importancia da atracción de talento cara á comunidade. “Queremos que se estableza aquí e que siga facendo crecer todas as novas formas de traballar” indicou.

Neste eido, a Xunta, que está comprometida co mantemento dun mercado laboral dinámico e inclusivo, conta coa Estratexia Galicia Retorna 2023/26, que ten como obxectivo lograr o regreso de 30.000 galegos e galegas.

Neste sentido, o novo hub axudará a seguir avanzando na carreira pola innovación e a creación de emprego de calidade, ao tempo que contribúe a recuperar e atraer talento e fixar poboación, tanto na cidades como no rural galego, a través da flexibilidade laboral.

A IA como ferramenta de traballo

A aposta de SDG pola IA súmase, deste xeito, á que está a realizar a Administración autonómica en diferentes eidos, como na modernización do sistema público de emprego, con ferramentas como EMi, un software pioneiro en España e en Europa dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia e coa que se busca cubrir as demandas das empresas en relación coas necesidades de man de obra, así como atender ás persoas que están buscando traballo activamente.

Rueda destacou así as grandes oportunidades que supón a intelixencia artificial á hora de seguir situando á comunidade como referente tecnolóxico e lembrou que Galicia será a primeira comunidade autónoma en dispoñer dunha lei para o desenvolvemento e impulso desta tecnoloxía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2024