A Xunta visita a asociación Alar Galicia, pioneira na reeducación e prevención da violencia de xénero en menores
Lugo, 2 de xullo de 2024
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitou esta mañá as instalacións de Alar Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro que atende a persoas e colectivos con dificultades para incorporarse á vida social normalizada. Faino a través de programas como o proxecto Fénix, creado en 2020 para dispensar unha intervención integral a menores derivados pola Fiscalía tras seren condenados por violencia de xénero. Nestes momentos hai 24 adscritos á iniciativa.
O proxecto Fénix, financiado polo Goberno galego e pioneiro a nivel de toda España, non só se emprega para a reeducación. Tamén se aplica, de maneira preventiva, nun cento de menores condenados por outros delitos que, a xuízo dos técnicos, puidesen ser potenciais agresores no ámbito da violencia de xénero. As diferentes actividades do programa desenvólvense en Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto, CIEMA.