Preto de medio centenar de rapaces participan en Valdoviño nas actividades lúdicas do programa da Xunta ‘Veráns Lecer Consumo’

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou esta mañá aos participantes nunha das actividades que se levaron a cabo no local da AVV de Pantín coa fin de concienciar aos máis pequenos sobre o consumo responsable

O programa que recalou onte en Pontedeume, desenvolverase tamén en Narón e San Sadurniño os días 9 e 15 de xullo

Valdoviño (A Coruña), 2 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou esta mañá no local social da AVV de Pantín aos participantes na actividade Xogueteando: un lecer diferente, no marco da campaña autonómica Veráns Lecer Consumo coa que o Goberno galego pretende concienciar ás rapazas e rapaces de entre 3 e 18 anos da importancia de levar a cabo un consumo responsable e sustentable.

Veráns Lecer Consumo é un programa da Dirección xeral de Comercio e Consumo de carácter gratuíto que está a disposición de todos os concellos de Galicia co obxectivo de ocupar o tempo libre do verán dos menores dun xeito lúdico e instrutivo. Inclúe a programación de máis de 200 actividades a longo do mes de xullo e ata o 2 de agosto.

“A través de campañas divulgativas e formativas coma esta, a Xunta de Galicia pretende reducir os riscos de vulnerabilidade das persoa consumidoras e camiñar cara a consecución duns consumidores comprometidos coa contorna, coñecedores dos seus dereitos e que conten coas ferramentas necesarias para defendelos”, apuntou Aneiros.

Así a iniciativa está composta por diferentes actividades relacionadas cos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, o consumo intelixente, a publicidade ou o uso das novas tecnoloxías. Cada unha delas ten una duración dunha hora e está adaptada ás idades dos rapaces participantes.

Na actividade Xogueteando: un lecer diferente, tomaron parte hoxe en Valdoviño unha vintena de nenas e nenos de entre 3 e 6 anos que gozaron da narración dun conto baseado no consumo responsable e na idea de que non son precisos moitos xoguetes para aproveitar o tempo libre. Ao termo da mesma tiveron que crear o seu propio xoguete relacionado co relato.

Ao termo desta sesión, levouse a cabo a Xincana do Consumo responsable, orientada nesta ocasión a menores de entre 7 e 12 anos na que participaron outros 24 alumnos da localidade.

Estas non son as únicas propostas da campaña Veráns Lecer Consumo que desembarcarán este mes nos municipios de Ferrolterra. Onte o programa recalou en Pontedeume e os próximos días 9 e 15 de xullo farano nos de Narón e San Sadurniño, respectivamente. Estas datas poderían verse ampliadas nos próximos días.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2024