O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración do novo centro que supón o quinto destas características na provincia

A Xunta pon en marcha o novo polo de Sarria co que se amplía a Rede de emprendemento ata as 14 oficinas activas en dous anos para ofrecer asesoramento

José González sinalou que a apertura deste polo é un dos compromisos do Goberno galego adquiridos para os 100 primeiros días desta Lexislatura

Puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que prestou axuda a máis de 2.000 proxectos empresariais desde xullo de 2022 dos que preto de 500 foron na provincia de Lugo

Destacou o traballo específico que prestan os profesionais desta iniciativa cos emigrantes galegos que buscan asentarse en Galicia e coas persoas que buscan a transmisión dun negocio

Lembrou que Galicia é Rexión Emprendedora Europea 2025 por actuacións innovadoras como é esta Rede, o Mapa do Emprendemento ou o proxecto piloto de coliving para darlle un pulo ao emprendemento no rural

Sarria (Lugo), 2 de xullo de 2024

A Xunta inaugurou hoxe un novo polo de emprendemento e de apoio ao emprego, o de Sarria, que supón o número 14 da Rede e o quinto na provincia de Lugo. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na posta en marcha desta nova oficina na que se presta de xeito gratuíto apoio e asesoramento a calquera persoa que desexe emprender un negocio en Galicia o consolidar o que xa ten en funcionamento.

González puxo en valor no acto, ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a iniciativa autonómica que arrancou en xullo de 2022 e que conta, polo tanto, con 14 polos activos, nos que xa se prestou asesoramento a máis de 2.000 proxectos empresariais en diferentes fases. O conselleiro avanzou que en vindeiras datas, ademais, a Rede seguira ampliándose cun novo laboratorio en Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra.

A apertura do polo de Sarria responde a uns dos compromisos adquiridos polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nos primeiros 100 días desta Lexislatura e busca, ao igual que co resto da Rede, dar formación e información ás persoas emprendedoras que o precisen co fin de xerar máis emprego de calidade en Galicia, co foco posto no rural. A Rede de emprendemento, polo tanto, busca dinamizar a economía local e fomentar a iniciativa emprendedora na comunidade. Neste senso, sinalou que o obxectivo da Xunta é xerar un ecosistema de apoio aos emprendedores a través de, entre outras medidas, os polos que se configuran no rural e nas cabeceiras da comarca como o de Sarria.

En palabras de González, as políticas de apoio ao emprendemento son clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia e, por iso, explicou que é tan importante explorar e saber aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece a comunidade galega, apoiando ás persoas que estean dispostas a facelo.

Datos da provincia de Lugo

Neste senso, comentou que os polos son oficinas “de éxito”e, así, indicou, que o avalan os datos. Nos centros da provincia de Lugo en funcionamento ata o de agora (Friol, A Fonsagrada, Mondoñedo e Monforte de Lemos) atendéronse en dous anos preto de 500 proxectos (483) de diferentes sectores, predominando a hostalería (23%), a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (12%)  e o comercio (11%). Ademais, preto do 60% das persoas emprendedoras son mulleres, unha mostra máis, segundo o titular de Emprego, do talento feminino que hai en Galicia.

José González puxo o foco no traballo que a Rede presta ás galegas e galegos e ás persoas de fóra que queiran asentarse en Galicia: de feito preto do 20% das persoas atendidas por toda a Rede ata o de agora proceden do estranxeiro. Subliñou, ademais, que tamén se está a prestar un asesoramento especializado aos emigrantes galegos do exterior que estean pensando retornar a súa terra cunha idea empresarial. “Estamos favorecendo o retorno a través da Rede de polos e a través desa planificación máis ampla que é a Estratexia Retorna e o programa Retorno Cualifica Emprego”, apuntou.

Plan Remuda

Doutra parte, o conselleiro tamén salientou que do total das iniciativas empresariais que se asesoraron na Rede na provincia de Lugo, un 6% correspóndense con proxectos de remuda dos que en máis da metade dos casos búscase a transmisión do negocio porque o actual titular atópase preto da xubilación.

Ao respecto, explicou que a Xunta ampliou o asesoramento que ofrece a Rede de polos a este tipo de circunstancias, poñendo en marcha un Plan de remuda co que se están a canalizar todos estes proxectos- xa son máis dun cento en toda Galicia- que precisan dunha transmisión, poñendo en contacto aos titulares dos negocios coas persoas que desexen coller ás súas rendas, facilitándolles ademais a transmisión.

É un plan que se complementa con axudas económicas e co que se busca, en definitiva, garantir o mantemento dos negocios como dinamizadores do territorio.

Rexión Emprendedora Europea

José González, por último, referiuse ao pulo que lle está a dar Galicia ao empredemento que acaba de ser merecedora do premio á Rexión Emprendedora Europea 2025 pola posta en marcha de medidas innovadoras como son, ademais da Rede de polos, o Mapa do Emprendemento virtual, con 190 entidades xa adheridas, que integrará todos os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia; ou varias axudas económicas que tamén vimos de ampliar.

Outra das actuacións innovadoras de vertebración e cohesión do territorio nas que o Goberno galego traballa nestes intres é o proxecto piloto de coliving para darlle un pulo ao emprendemento no rural atraendo nómades dixitais, en colaboración coa asociación Sende, que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2024