Lorenzana avanza que os borradores dos futuros plans directores da automoción e do sector naval estarán listos a comezos da segunda quincena de xullo

A conselleira de Economía e Industria asegurou que o documento final se presentará no ultimo trimestre do ano para a súa aprobación definitiva

O encontro desta tarde enmárcase no diálogo constante e permanente que a Xunta vén mantendo con todos os axentes da industria da automoción e do naval en Galicia para a elaboración dos borradores

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe coa Mesa do Diálogo Social para avanzar no futuro Plan director do sector da automoción e do sector naval. Unha cita na que estiveron presentes representantes dos sindicatos UGT e CCOO e tamén da Confederación de Empresarios de Galicia e na que a responsable da política industrial do Goberno galego avanzou que o borrador dos dous plans estará a disposición de todas as organizacións empresariais e sindicais  a comezos da segunda quincena de xullo.

Xa con máis detalle Lorenzana apuntou que Galicia contará na semana do 15 de xullo cos planes director do sector da automoción e do naval “tal e como se tiña comprometido este goberno para os primeiros cen días de mandato”. Será nesa data cando se remita o texto do borrador ás organizacións empresariais, clústeres, á Confederación de Empresarios de Galicia e aos tres sindicatos máis  representativos “para que fagan durante o verán as aportacións que consideren pertinentes”, explicou, así como tamén ás consellerías que realizaron achegas ao documento. O documento será aprobado de xeito definitivo no último trimestre do ano.

Lorenzana puxo en valor o traballo conxunto realizado por todos os axentes implicados tanto en aspectos fundamentalmente centrados nas necesidades que teñen os dous sectores de investimento e competitividade, como en cuestións singulares de cada un deles. No caso da automoción ligados  á necesidade de adaptarse á electrificación e no do naval o de continuar traballando na diversificación.

A conselleira de Economía e Industria tamén apuntou outro aspecto relevante para a industria galega e, por extensión para estes dous sectores declarados estratéxicos polo Goberno da Xunta como é a necesidade de formación das persoas. “O talento – salientou – é unha cuestión que se está a traballar coa Consellería de Emprego. Trátase de coñecer de primeira man cales son as titulacións, formación e cualificacións que precisan  ambos sectores de cara os próximos anos e poder adaptar toda a oferta formativa, tanto a universitaria como a  da formación profesional e a formación para o emprego ás necesidades que van tendo as nosas empresas”.

O encontro desta tarde enmárcase no diálogo constante e permanente que a Xunta de Galicia vén mantendo con todos os axentes da industria da automoción e do naval en Galicia co obxectivo de elaborar os seus Plans directores non só coa participación dos departamentos da Administración galega, senón tamén do sector privado, dos representantes das persoas traballadoras e do resto de entes, organismos e institucións públicas e privadas relacionadas coa súa actividade.

Nova estratexia industrial

A elaboración dos plans director, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industrias, son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha nova estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.

Cómpre lembrar que o Goberno galego declaraba o pasado mes de febreiro un total de seis sectores industriais como estratéxicos co obxectivo de poder iniciar a elaboración dos seus respectivos plans directores. Ademais dos sectores da automoción e do naval,  están incluídas a industria metalmecánica, o sector forestal-madeira, a industria das TIC así como a loxística industrial.

Deste xeito, a Xunta pretende desenvolver estes novidosos instrumentos incluídos na lei de medidas fiscais e administrativas e que teñen como obxectivo potenciar o desenvolvemento da actividade industrial no sector concreto de que se trate. Para logralo, definiranse as medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2024