A Xunta impulsa o Plan de Xestión da Ribeira Sacra de cara á candidatura a patrimonio mundial

A directora xeral de Patrimonio, Mª del Carmen Martínez, preside a reunión da Comisión Interdepartamental que se reactiva para coordinar os seguintes pasos

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia vén de impulsar a renovación do Plan de Xestión da Ribeira Sacra de cara a establecer os vindeiros pasos a dar a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra, seleccionada polo Consello do Patrimonio Histórico como a proposta oficial de España para ser declarada patrimonio mundial pola Unesco en 2026. Así o anunciou a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, tras a reunión, esta mañá, da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra que coordina as accións deste plan dun xeito integral.

A directora xeral de Patrimonio salientou a importancia do Plan para esta candidatura mundial, xa que ten por obxecto “garantir a  axeitada xestión” da paisaxe cultural da auga da Ribeira Sacra. Con este fin, segundo apuntou, téñenselle artellados programas, nos que participan diferentes departamentos da Xunta de Galicia, “que inclúen diferentes accións de vital importancia para a ordenación, desenvolvemento e protección do territorio, a paisaxe e o seu patrimonio cultural co obxecto de alcanzar de forma transversal os obxectivos estratéxicos propostos”, argumentou.

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que, tras a aprobación do Consello de Patrimonio Histórico, a candidatura da Ribeira Sacra está xa “nunha nova fase, na que é preciso seguir traballando como ata agora”, defendeu sobre os seguintes pasos a dar. Neste senso, fixo fincapé en que o obxectivo é lograr a inclusión na Lista de Patrimonio da Humanidade, debido a que a proposta será abordada en 2026 no Comité do Patrimonio Mundial da Unesco. 

Vindeiros pasos ata o Comité do Patrimonio Mundial da Unesco

Mª del Carmen Martínez enmarcou a reunión hoxe da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra nesta “nova etapa” na que traballa o Goberno galego. Ao respecto, adiantou que, ao longo do ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco.

Posteriormente, a documentación será presentada no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en setembro deste ano, á que se lle engadirá unha nova entrega cos avance nestes informes en febreiro de 2025. Trátase de que toda a documentación sexa avaliada polos órganos consultivos antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024