A Xunta publica hoxe a aprobación da sexta actualización do Plan Básico Autonómico, garantindo a vixencia e dinamismo desta ferramenta indispensable de ordenación urbanística

Constitúe unha peza viva e radiográfica das novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da comunidade autónoma, que esixe a súa actualización periódica 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da sexta actualización do Plan Básico Autonómico de Galicia (PBA), para garantir a vixencia e dinamismo desta ferramenta indispensable de ordenación urbanística

Esta ferramenta urbanística aprobada no ano 2018 é un instrumento de planeamento urbanístico que complementa o marco lexislativo co que o goberno da Xunta pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible do territorio.

O PBA, que debe actualizarse cunha periodicidade mínima anual, se está renovando cunha periodicidade semestral, e constitúe unha peza viva e radiográfica das novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da Comunidade Autónoma.  

A través deste documento preténdese plasmar a complexa realidade da normativa sectorial e dos instrumentos de ordenación do territorio, así como identificar os asentamentos de poboación existentes.

Así, revísase a información relativa aos instrumentos de ordenación do territorio, a costas, a enerxía, a transportes, a portos, a aeroportos, a concentracións parcelarias, a patrimonio cultural, a minas, a servidumes acústicas e aos asentamentos derivados de instrumentos de planeamento urbanístico aprobados.

Asemade, incorpórase nova información relativa ás zonas de seguridade das servidumes radioeléctricas para os aeroxeneradores que ven a complementar o amplo abano de afeccións sectoriais que amosa o PBA no seu visor.

E impleméntase a conexión coa base de datos da infraestrutura espacial propia do organismo estatal Portos do Estado no relativo ás delimitacións das zonas de servizo dos portos estatais e coa base de datos territoriais do organismo autonómico Instituto de Estudos do Territorio no relativo ás masas forestais que conforman o Sistema rexistral forestal de Galicia, co obxecto de amosar en todo momento a información xeográfica actualizada.

Con este propósito, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Urbanismo da sexta actualización cartográfica do Plan Básico Autonómico, que resulta da nova información sectorial recopilada. No seguinte enlace ao DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240628/AnuncioG0765-180624-0001_gl.html

Cómpre lembrar que a aprobación do PBA supuxo o punto de partida para a formulación dos Plans básicos municipais que está a promover a Xunta de Galicia en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral, e tamén serve de referencia para os Plans xerais de ordenación municipal, co fin de acadar unha ordenación responsable e sostible do territorio galego.

Data de actualización: 28/06/2024