Xosé Merelles enxalza o atractivo turístico internacional da Romaría Vikinga de Catoira que se celebra en agosto co apoio da Xunta

Na presentación da nova edición da festa referiuse tamén á importancia do proxecto de mellora nas Torres que se inclúe no marco do Plan Xacobeo Next Generation

Catoira (Pontevedra), 28 de xuño de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación da Romaría Vikinga de Catoira 2024, á que se referiu como unha cita con “gran atractivo turístico internacional en base aos valores culturais, tradicionais e tamén etnográficos” e que, ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia na súa condición de festividade de interese turístico internacional.

O director de Turismo de Galicia fixo referencia á capacidade desta festividade para diversificar a oferta turística galega e poñer en valor este concello e este recurso, o das Torres do Oeste, que, ademais, como explicou, é un dos 12 BIC incluídos no Plan Xacobeo Next Generation cos que o Goberno autonómico está a impulsar obras de rehabilitación de espazos de uso turístico, accesibilidade, eficiencias enerxética... Neste caso os traballos inclúen o acondicionamento dos accesos e mellora paisaxística, iluminación eficiente, entre outras.

Tamén salientou a importancia das festas que teñen recoñecemento turístico, que no caso das que como Catoira son de interese turístico internacional ascenden a 15, e que axudan a “promocionar o noso turismo e contribúen tamén a diferencialo doutros territorios en canto a manifestacións únicas e orixinais que elevan a nosa proposta a un nivel moi difícil de superar”.

Referíndose á Romaría Vikinga, que Turismo de Galicia apoia con 40.000 euros, Xosé Merelles destacou tamén o significado destas celebracións en tanto que “serven para estreitar lazos entre os pobos”. Así, destacou os contactos realizados cos países nórdicos para construír barcos de acordo ás técnicas tradicionais desas rexións. “Son moitos os valores e motivos que animan a participar nesta Romaría Vikinga de Catoira”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024