A conselleira Martínez Allegue asina cos concellos de Lobios e Cartelle senllos convenios para executar obras de humanización ao abeiro do Plan Hurbe

Martínez Allegue firmou coa alcaldesa de Lobios, Carmen Yáñez, o acordo para a urbanización da praza de San Antonio en Puxedo, cun investimento de 170.000€

A responsable de Vivenda tamén rubricou co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, o convenio para acondicionar a praza de Picoutiños en Nogueiró, cun investimento de case 110.000€

Segundo estes convenios, a Xunta asumirá o 70% do orzamento e contratará e executará as obras, mentres que os concellos achegarán o 30% restante do custe dos traballos

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, vén de asinar cos concellos de Lobios e Cartelle senllos convenios de colaboración para executar obras de humanización, a abeiro do Plan Hurbe.

Por unha parte, Martínez Allegue firmou coa alcaldesa de Lobios, Carmen Yáñez, o convenio para a urbanización de rúa na Vila e praza de San Antonio en Puxedo, que suporán un investimento de 170.000 euros.

A intervención prevista centrarase na mellora dun camiño que entronca cunha estrada provincial na zona de Puxedo, co obxectivo de humanizar a rúa e a praza mediante a mellora da pavimentación existente. Coa intervención, a contorna de protección manterá os seus valores ambientais, de modo que as actuacións que se levarán a cabo serán harmoniosas, integrándose os materiais, os sistemas construtivos e cromatismo.

Por outra parte, a conselleira asinou co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, o convenio para humanizar a praza de Picoutiños en Nogueiró, cun investimento de case 110.000€.

O obxectivo é acondicionar a praza de Picoutiños para funcionar como área recreativa e de esparexemento, fomentado a actividade social e tratando de convertela nun lugar apracible para os veciños, o que redundará na mellora da calidade de vida da poboación.

De acordo aos convenios asinados para estas actuacións do Plan Hurbe, a Consellería asumirá o 70% do orzamento e contratará e executará as obras, mentres que os concellos achegarán o 30% restante do custe dos traballos; así como a redacción do proxecto das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024