Lete destaca a aposta da Xunta polo pádel e as súas infraestruturas, que conseguen traer a Galicia os mellores eventos do mundo como o A1 Tour

Dende 2009, a Federación Galega de Pádel pasou de ser a vixésimo novena federación galega en número de licenzas con 1.482 a ser hoxe a sexta con maior número de licenzas con 9.427

Pontevedra, 27 de xuño de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da inauguración oficial da primeira edición do A1 Pádel Galicia Open dentro do A1 Pádel Tour que se está a celebrar dende este luns en Pontevedra. O mandatario galego destacou o papel de España como o país europeo con maior número de pistas e de clubs de pádel e, dentro deste contexto, lembrou a aposta decidida da Xunta de Galicia polas infraestruturas de pádel enumerando algúns dos concellos galegos nos que se levaron a cabo estas instalacións como A Cañiza, Ponteceso, Riotorto, Sober, Salvaterra, Soutomaior, Begonte, Portomarín, Portas, Pazos de Borbén, Salvaterra de Miño, A Baña, Mañón, Antas de Ulla ou Pereiro de Aguiar.

Lete Lasa sinalou a importancia deste impulso porque dende 2009, a Federación Galega de Pádel pasou de ser a vixésimo novena federación galega en número de licenzas con 1.482 a ser hoxe a sexta con maior número de licenzas con 9.427, tan só superada por fútbol, caza, golf, baloncesto e balonmán.

O secretario xeral salientou tamén como un feito chave para a evolución do deporte en Galicia que os mellores concursos internacionais queiran vir á nosa comunidade como o foi o caso do mellor circuíto do mundo, o World Padel Tour, que tivo dez eventos en Galicia nas cidades da Coruña (2013, 2015, 2016 e 2017), Lugo (2018 e 2021) e Vigo (2019, 2021, 2022 e 2023). Deste xeito, Lete Lasa agradeceu ao A1 Pádel Tour, que conta, dende 2020, co ambicioso obxectivo de converterse no circuíto mundial máis prestixioso do mundo, que conte con Galicia para o seu calendario.

Con respecto á participación galega, o secretario xeral aplaudiu a gran competición de Martín Sánchez, Borja Yribarren e Daniel Blanco, que conseguiron meterse no cadro principal do campionato.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024